Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Concello presentará en Fitur a oferta da Eurocidade Tui - Valença

16/01/2012

O Concello de Tui e a Cámara Municipal de Valença estarán presentes o vindeiro venres 20 de xaneiro na Feira Internacional de Turismo “Fitur” que se desenvolverá en Madrid presentando a oferta turística de ambas cidades que teñen acordado constituírse nunha eurocidade para compartir servizos e promover iniciativas como esta de promoción turística.

A presentación da eurocidade terá lugar no stand de Turgalicia e consistirá na exhibición dun vídeo promocional e dunha intervención breve dos rexedores de ambas cidades así como na distribución de material informativo entre os asistentes.

Para o alcalde de Tui a presenza de Tui en Fitur sinala a importancia que para o goberno local posúe a promoción turística da nosa cidade pois é un dos principais recursos endóxenos para o desenvolvemento da nosa localidade.

O convite para participar neste acto promovido por Turgalicia testemuña o apoio que da Xunta de Galicia amosa cara este Concello de Tui e a súa aposta pola creación da eurocidade.

O conxunto patrimonial tudense e valenciano, as potencialidades dun turismo de natureza no río Miño, na Ecopista de Valença ou no Parque Forestal do Monte Aloia, a alternativa do turismo termal ou as actividades de turismo activo, a oferta comercial de ambas cidades... son algúns dos elementos que conformaran a oferta que os rexedores de ambas cidades presentarán en Fitur, unhas das principais feiras turísticas do mundo que se desenvolverá a vindeira semana en Madrid.