Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Concello inicia a limpeza de pintadas no conxunto histórico de Tui

9/08/2011

O CONCELLO INICIA A LIMPEZA DE PINTADAS NO CONXUNTO HISTÓRICO DE TUI

 

Martes, 9 de agosto de 2011. O Concello de Tui comezou a pasada semana os labores de limpeza de pintadas de diversos elementos patrimoniais e de distintos lugares do conxunto histórico que estaban afectados polas incívicas accións que degradan este singular espazo público tudense.

 

Unha empresa especializada nesta materia iniciou en días pasados estes traballos de limpeza comezando polo cruceiro da Praza da Misericordia, os monumentos ao Bispo Lago e a Calvo Sotelo, ambos de Xoán Piñeiro, a estatua de Sócrates, realizada por Rosendo González reproducindo o monumento orixinal de Benito Prieto Coussent e os seus alumnos. En días vindeiros se continuará co Monumento aos Represaliados na Alameda, realizado por Silverio Rivas e outros enclaves e monumentos. Todas elas obras artísticas de relevancia e que estaban afectadas por estes actos vandálicos.

 

As pintadas son un dos principais focos de sucidade existente nas cidades, e especialmente nas de carácter histórico como é o caso de Tui, xerando una perdida da harmonía estética e causando normalmente un especial dano nos elementos máis relevantes do conxunto histórico.

 

O investimento desta actuación acada os 4.745 euros só nos catro monumentos realizados ata agora, e comprende a limpeza dos diversos monumentos e posteriormente a imprimación dun produto para que nun futuro posibles novas pintadas poidan ser eliminadas máis facilmente. Esta actuación, como xa indicamos, culminará en datas próximas e será complementada coa eliminación de pintadas existentes en diversas rúas e prazas do conxunto monumental con similar procedemento.

 

O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, solicita aos cidadáns a súa colaboración, denunciando se fose o caso aos autores destas pintadas, para erradicar da cidade este foco perturbador do noso conxunto histórico, da limpeza e ornato das nosas rúas e de degradación da beleza da nosa cidade e que cuxa reparación acada un elevado custe.

 

Esta medida forma parte do conxunto de actuacións que arredor da conservación e coidado do conxunto histórico tudense ten previsto realizar o goberno municipal para consolidar a esta zona monumental como un referente patrimonial e turístico.