Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Concello de Tui volve contar co servizo de Orientación Laboral

26/02/2021

Coma novidade pon en marcha unha bolsa de emprego municipal

O Concello de Tui volve contar co servizo de Orientación Laboral. A concellería de Formación e Emprego puxo de novo en marcha este servizo de orientación laboral para o emprego dirixido a persoas empadroadas no municipio e que se atopen en proceso de procura de emprego ou se expoñan a posta en marcha de proxectos emprendedores ou de autoemprego.

O servizo, que xa está en funcionamento, está situado nas instalacións do Centro Municipal de Formación en Guillarei. Ofrece información, asesoramento e recursos para a procura de emprego e/ou formación así como os recursos de apoio necesarios para aquelas persoas que opten polo emprendemento.

A través deste servizo de atención personalizada, a cargo de persoal técnico especializado, as persoas poderán mellorar a súa empregabilidade mediante o deseño de itinerarios personalizados de inserción. Ademais recibirán formación e axuda técnica para a elaboración do curriculum e para a preparación de entrevistas, recursos e ferramentas para a procura activa de emprego, oferta formativa ou asesoramento sobre o mercado laboral e mobilidade laboral transfronteiriza.

Coa finalidade de reducir a fenda dixital o servizo incorpora o acceso a unha aula tecnolóxica para facilitar a procura de emprego a través das novas tecnoloxías.

Como novidade o servizo de orientación laboral pon en marcha unha bolsa de emprego municipal á que se poderán incorporarán aquelas persoas que se atopen en procura activa de emprego. Tamén poderán acceder á bolsa as empresas da contorna con necesidade de cubrir vacantes.

As persoas e empresas interesadas, poderán solicitar o servizo de orientación e intermediación laboral mediante cita previa no número 986 60 32 28 ou a través no correo orientación@tui.gal.

A Concelleira de Emprego, Ana Mª Núñez, amosa a súa satisfacción pola posta novamente en marcha do servizo de orientación, nun momento de especial necesidade e incerteza do mercado laboral para as persoas en procura de emprego. Destaca que isto supón unha aposta decidida deste goberno polo emprego.