Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Concello de Tui traslada á Deputación o proxecto de construción dunha rotonda en Ribadelouro

23/02/2024

O obxectivo é evitar o tránsito de camións polo centro do núcleo da Magdalena

O Concello de Tui vén de trasladar á Deputación de Pontevedra o proxecto de construción dunha rotonda en Ribadelouro coa que evitar o tránsito de camións polo centro do núcleo da Magdalena.

Na parroquia de Ribadelouro o PXOM de Tui que foi aprobado definitivamente o 26/01/2011 (publicado no DOG 28/01/2011 e BOP 18/04/2011) recolle a localización dunha importante área de solo empresarial, constituída por catro sectores de solo urbanizable, que acada unha superficie total aproximada de 600.000 m², emprazados en torno a estrada provincial EP-2502, entre a saída da A-55 no Cerquido e o núcleo rural da  Magdalena en Ribadelouro, que conecta estes sectores coa autovía A-55.

Recentemente, por medio dunha modificación puntual do PXOM, impulsada directamente dende o concello de Tui para posibilitar o desenvolvemento de dous dos devanditos sectores, aprobouse o respectivo plan parcial dos mesmos e na actualidade se están a tramitar os seus correspondentes proxectos de equidistribución. Nomeadamente, trátase dos sectores SU-2A e SU-2B do PXOM.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, sinala que “toda vez que se trata dunha importante e estratéxica área de solo empresarial para Tui, e que a mesma se localiza e conecta coas vías que estruturan o territorio da contorna”, o Concello de Tui trasladou o pasado 2 de febreiro a información da citada rotonda a Deputación de Pontevedra, “aos efectos da súa toma de coñecemento e de trasladar a vontade municipal de proceder a súa execución, para o cal solicita a colaboración provincial a tal fin, no ánimo de mellorar a seguridade viaria na zona e favorecer a inminente posta en carga dos devanditos sectores empresariais evitando dese modo o tránsito de vehículos pesados polo solo de núcleo rural de A Magdalena”.