Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Concello de Tui traballa para facer as instalacións municipais accesibles para todas as persoas

26/05/2023

Asinou un convenio coa Federación de Autismo de Galicia que permitirá eliminar  as barreiras de tipo cognitivo, psicolóxico e de comunicación dentro do proxecto “Concello de Tui accesible”

Facer que as instalacións municipais sexan accesibles para todas as persoas independentemente das súas particularidades físicas, sensoriais ou intelectuais é o obxectivo do convenio que hai uns días asinaba o Concello de Tui coa Federación de Autismo de Galicia dentro do proxecto “Concello de Tui Accesible”.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, asinou o documento con Aitana García, responsable da Área de Accesibilidade da Federación, nun acto no que participoaron tamén o concelleiro de Servizos Sociais, Ismael Diaz, e Montse Mon, presidenta da asociación tudense Un Máis.

O Servizo de Accesibilidade da Federación de Autismo de Galicia realizará, nos próximos meses, distintas accións que permitirán eliminar as barreiras de tipo cognitivo, psicolóxico e de comunicación nas instalacións municipais dende a casa do concello, ao edificio Francisco Sánchez ou aos equipamentos deportivos. Coma punto de partida tomarán o documento elaborado dende o propio concello no que se recollen as “barreiras” existentes nos distintos servizos. Agora persoal do Servizo de Accesibilidade da Federación de Autismo de Galicia elaborará unha proposta coas medidas oportunas en cada caso coma pode ser a sinalización dos espazos cos pictogramas de ARASAAC necesarios, a eliminación de ruído acústico e visual ou a mellora da iluminación, … 

Así unha das primeiras medidas será a instalación da sinalética nos espazos, e logo informarán das pautas de axustes razoables que se poden realizar na contorna para  mellorar a accesibilidade cognitiva. Amais elaborarán un informe avaliativo onde se recollan tanto os puntos clave sobre a accesibilidade cognitiva como as necesidades específicas das persoas con TEA, e as propostas de mellora e implementación de medidas en accesibilidade.

O proxecto Concello de Tui Accesible contribúe tamén a concienciación do persoal municipal, que recibirá charlas formativas e de sensibilización, coma da propia cidadanía. Brindarase así un achegamento directo ás necesidades específicas das persoas con TEA, e se aumentará o coñecemento especializado en accesibilidade cognitiva

Beneficiaranse deste proxecto de mellora da accesibilidade cognitiva no concello de Tui todas as persoas, en especial as persoas con TEA e as súas familias coma persoas con discapacidade intelectual ou sensorial, con trastornos do neurodesenvolvemento, con trastornos na linguaxe, persoas maiores e nenos e nenas, ou mesmo persoas estranxeiras que non coñecen o idioma.