Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Concello de Tui solicita un obradoiro dual de emprego para recuperar a senda do río Furnia

11/05/2022

No mesmo formaríanse durante 12 meses 20 persoas nas especialidades de “Actividades auxiliares en conservación e mellora de montes” e “Montaxe e instalación de construcións de madeira

O concello de Tui vén de presentar á Consellería de Emprego e Igualdade a solicitude de subvención, dentro da convocatoria de Obradoiros duais de emprego 2022, para a execución do proxecto “Senda río Furnia”, nas parroquias de Malvas e Pexegueiro.

O obxectivo é recuperar a riqueza natural e cultural da conca do río Furnia no termo municipal de Tui.

O obradoiro solicitado polo Concello de Tui, por un período de 12 meses, incluiría dúas especialidades, unha forestal de  “Actividades auxiliares en conservación e mellora de montes” e outra de madeira de “Montaxe e instalación de construcións de madeira”. O alumnado, 10 persoas por especialidade, obtería o correspondente certificado de profesionalidade, en dous oficios que contan con gran demanda laboral na actualidade. 

O orzamento do obradoiro ascende a preto de 660 mil euros dos que preto de 500 mil serían aportados pola Xunta e 160 mil polo Concello de Tui. No caso de que a resolución sexa favorable esta actividade formativa podería comeza o próximo 1 de xullo. A subvención solicitada contempla a contratación dunha persoa para o cargo da dirección, outra para  titoría, outra a tempo parcial para auxiliar de oficina, e dúas persoas como docentes. O alumnado deberá estar en posesión do graduado en ESO ou superior, ser maior de 18 anos e estar inscritas na oficina do Servizo Público de Emprego de Tui. Para a selección tanto do persoal de administración como para o alumnado, o Concello solicitaría á oficina do SPEG unha listaxe de persoas que cumpran as condicións e realizaría o proceso de selección seguindo as instrucións da Consellería.

Unha senda fluvial  de 4.650 metros en Malvas e Pexegueiro

O proxecto inclúe por unha banda a integración ambiental do propio curso fluvial e por outra unha senda peonil de 4.650 metros de lonxitude na zona de servidume de tránsito do río nas parroquias de Malvas e Pexegueiro. Para a súa execución contémplase a limpeza de vexetación, colocación de tocos de sinalización, paneis informativos, varandas e pontellas de madeira. Coa execución desta senda o concello dará resposta a unha vella aspiración da veciñanza destas dúas parroquias tudenses.

O río Furnia, que nace no Parque Natural do Monte Aloia e desemboca no río Miño en Tomiño, destaca pola importancia da súa flora e pola súa riqueza patrimonial xa que ao longo do seu percorrido e contorna existen numerosos muíños, pontes e outros elementos patrimoniais de consideración.

Para poder executar esta senda, tras a elaboración do proxecto foron solicitadas as preceptivas autorizacións a outras administracións para poder afrontar a súa execución.

A cesión dun tramo de 5 metros de servidume das 130 parcelas é un paso imprescindible para poder abordar esta actuación. Por iso dende o Concello de Tui quérese amosar o agradecemento aos propietarios que xa realizaron a cesión, e realízase un chamamento a aqueles que están pendentes de dar este paso.