Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Concello de Tui retoma o Foro do Camiño Portugués coa presenza de Víctor Manuel Vázquez Portomeñe

19/01/2022

Será o próximo martes, 25 de xaneiro, ás 19 h na Aula Cemit e tamén se poderá seguir en liña

O vindeiro martes, 25 de xaneiro, o Concello de Tui retoma, logo da paréntese do Nadal, a celebración mensual do “Foro do Camiño Portugués”. Nesta ocasión será coa presenza dun destacado protagonista da recuperación e revitalización do Camiño de Santiago en Galicia, Víctor Manuel Vázquez Portomeñe, exconselleiro da Xunta de Galicia e medalla de honra do Concello de Tui dende o ano 2017.

Vázquez Portomeñe (Taboada-Lugo, 1934) é un protagonista destacado na posta en valor do fenómeno xacobeo, especialmente na súa época como deputado autonómico e como conselleiro en distintos gobernos de Manuel Fraga Iribarne na Xunta de Galicia. Na súa etapa como responsable da consellería de Educación e Cultura Vázquez Porrtomeñe promoveu a aprobación -por unanimidade- de leis como a de Patrimonio Cultural ou a de Protección dos Camiños de Santiago. Tamén na súa época de conselleiro se encargou de organizar o primeiro Xacobeo, en 1993, conseguindo ampliar unha realidade espiritual e relixiosa a outra cultural e socioeconómica, que ten resultado de vital transcendencia para Galicia.

Portomeñe recibiu por acordo do Concello de Tui a medalla de honra da cidade recoñecendo o seu papel fundamental na creación do Xacobeo e na revitalización do Camiño Portugués, así coma as achegas que os distintos departamentos que dirixiu na Xunta de Galicia realizaron en Tui con investimentos destacados coma a restauración do órgano da Catedral ou do edificio “Francisco Sánchez” daquela Área Panorámica.

A conferencia do próximo martes, 25 de xaneiro, ás 19 h poderase seguir presencialmente na Aula Cemit  (Edificio “Francisco Sánchez” – antiga Área Panorámica, rúa Colón,2 primeiro andar, entrada por portas 4 e 12) ou por streaming a través da páxina web do Concello de Tui: www.tui.gal. A asistencia é libre ata completar o aforo do local, sendo necesaria a inscrición previa -por rigoroso orde de chegada- a través do correo electrónico: biblioteca@tui.gal.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, indica que o Concello de Tui avanza nas actividades deste “Foro do Camiño Portugués”, que pretende contribuír ao posicionamento de Tui no ámbito do Camiño de Santiago e agradece a Víctor Manuel Vázquez Portomeñe a súa presenza en Tui.

Este Foro foi inaugurado o pasado 20 de abril coa presenza de Juan Manuel López-Chaves, presidente de honra da Asociación Amigos de los Pazos de Vigo e impulsor do Camiño Portugués, a quen deu continuidade o 25 de maio Nava Castro, directora de Turismo de Galicia, o 22 de xuño  Luís Pedro Martíns, presidente de Turismo Porto e Norte, e o 22 de setembro  Luís Quinteiro, bispo da diocese de Tui-Vigo. No pasado mes de novembro foi o peregrino tudense, Dámaso Rodríguez Costas quen compartiu a súa experiencia polas rutas xacobeas.

Este Foro súmase a outras medidas impulsadas dende o Concello a prol do Camiño ao entender que a ruta xacobea é un dos principais recursos patrimoniais e turísticos do noso concello: a creación da Mesa do Camiño, o impulso a actividades diversas, publicacións, a posta en marcha do perfil de Facebook “Camiño Portugués. Tui” con máis 4.300 amigos, etc.