Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Concello de Tui renovará a Travesía de San Domingos mellorando a pavimentación, soterrando servizos e pondo en valor os restos da vía romana

3/04/2023

Investiranse case 450 mil euros financiados con cargo ao Plan Concellos 2022-23  da Deputación de Pontevedra

O Concello de Tui vén de rematar o procedemento de contratación das obras a executar na Travesía de San Domingos. Suporán un investimento de preto de 450 mil euros que serán financiados con cargo ao Plan Concellos 2022-23 da Deputación de Pontevedra.

As obras realizaranse de forma coordinada coas que se están a executar na rúa Antero Rubín, buscando así xerar as menores molestias á veciñanza da zona.

O proxecto ten por obxectivo realizar as obras necesarias para impulsar a mobilidade e accesibilidade neste ámbito, permitindo recuperar a esencia tradicional desta vía singular que conecta o centro de Tui coa igrexa de San Domingos.

Por unha banda contémplase a renovación do pavimento adaptándoo as necesidades da vía, mellorando a súa accesibilidade, funcionalidade. O itinerario terá preferencia peonil e crearanse de puntos de interese informativo e instalaranse elementos singulares que doten ao mesmo de zonas de interese para os peóns.

Por outra parte está prevista a canalización do alumeado público e renovación das redes de abastecemento e saneamento, neste último caso realizando a separación entre augas fecais e pluviais. No caso das pluviais protexeranse os accesos existentes a parcelas e vivendas.  Tamén se realizará o soterramento das instalacións áreas existentes de electricidade, alumeado e telecomunicacións, completando estes servizos coa instalación de gas.  

Na execución deste proxecto substituiranse as actuais luminarias por novos elementos. Tamén se porá en valor os restos da vía romana que foron descubertos ou que se recuperen durante as obras seguindo as indicacións do informe arqueolóxico preceptivo.

Con esta actuación o concello de Tui da resposta ás peticións realizando durante anos tanto pola veciñanza da zona coma por aquelas persoas que transitan por este ámbito para achegarse ao conxunto histórico.