Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Concello de Tui reitera o seu sólido e firme compromiso coa igualdade efectiva entre mulleres e homes no manifestou do 25N

25/11/2022

Rexeita calquera expresión de violencia contra as mulleres, e declara o seu compromiso en firme na loita contra a mesma

O edificio dos antigos xulgados na praza da Inmaculada acolleu esta tarde o acto conmemorativo do #25.

Cun peza chea de simbolismo "Desalento" a actriz e dramaturga Mónica Sueiro foi a encargada de abrir a actividade.

A continuación Belén Romero, profesora e coordinadora da Biblioteca do IES San Paio, deu lectura a unha carta que da voz  a todas aquelas mulleres que non son quen de berrar o que lles pasou ou o que lles está a pasar.

Tomou a palabra o alcalde, Enrique Cabaleiro, quen indicou que a violencia de xénero é un problema que necesita a implicación de toda a sociedade para erradicalo. Referiuse aos pasos dados polo Concello neste ámbito coma a adhesión ao convenio Vioxen, ou contar cun servizo de asesoramento xurídico.   Fixo un especial chamamento á comunidade educativa xa que dicía que ”na educación debe estar a base da solución”.

A concelleira de Igualdade, Ana Mª Núñez, deu lectura ao manifesto institucional aprobado onte en pleno de xeito unánime pola corporación municipal. No mesmo “o Concello de Tui rexeita calquera expresión de violencia contra as mulleres, e declara o seu compromiso en firme na loita contra a mesma, así como contra calquera manifestación de sexismo e desigualdade , proceda de onde proceda e sexa do tipo que sexa”. Ao tempo deféndese “a necesidade dun cambio real e profundo no modelo en que se constrúen as relación afectivo-sexuais entre mulleres e homes, con especial preocupación nas novas xeracións, ás que temos a obriga de deixar unha sociedade igualitaria e xusta”

Amais no manifesto “o Concello de Tui , como Administración máis cercana á cidadanía, reitera o seu sólido e firme compromiso coa igualdade efectiva entre mulleres e homes e coa erradicación de todas as formas de violencia machista, expresión máis extrema da desigualdade”.

Tras gardar un minuto de silencio o acto pechouse coa voz e a música de Sofía Espiñeira, Premio Martín Códax da música 2022 na categoría de canción de autor. Interpretou catro temas, entre “Non teño medo” que o público acompañou no retrouso.

No acto contouse cunha intérprete en lingua de signo, Ángela Nogueira, grazas á colaboración coa Federación da Asociación de Persoas Xordas de Galicia, FAPXG. Colocouse unha árbore violeta  cos nomes, ideade e lugar das 38 vítimas de violencia machista deste 2022.