Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O concello de Tui recolle e dixitalizará o material da Iniciativa Cidadá Tudense pola Vida en Paz e Liberdade

31/01/2023

A documentación será posteriormente remitida ao Centro Memorial das Vítimas do Terrorismo situado en Vitoria.

A Iniciativa Cidadá Tudense pola Vida en Paz e Liberdade fixo entrega o pasado venres ao alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, de toda a documentación reunida nos anos en que estivo en actividade, así coma da pancarta que empregaban nas concentracións que convocaban cada vez que se producía un atentado terrorista.

Agora será o Concello de Tui quen, tras dixitalizar todo este material, o remita ao Centro Memorial das Vítimas do Terrorismo situado en Vitoria.  A copia dixital quedará no Arquivo Municipal de Tui.

Esta Iniciativa Cidadá comezou hai 25 anos con motivo do asasinato de Miguel Ángel Blanco, e durante unha década convocou concentracións de repulsa tras cada asasinato terrorista que se producía. A última foi en 2007. Pedro Souto xunto a outros membros da Iniciativa fixo entrega de todo o material ao Concello de Tui.