Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Concello de Tui recibe a todos os voluntarios que colaboraron na elaboración das alfombras do Corpus

12/06/2015

Máis dunha trintena de voluntarios foron homenaxeados polo seu traballo pola corporación municipal tudense

Xoves, 11 de xuño de 2015. Onte, ás 19h, no Salón de Plenos do Concello de Tui, fíxose un recibimento a todos os voluntarios que colaboraron na elaboración das alfombras do Corpus.

Estiveron presentes neste recibimento o alcalde en funcións do Concello de Tui, Moisés Rodríguez e a concelleira en funcións de servizos sociais, Olga Montes. Deste xeito, máis dunha trintena de voluntarios foron homenaxeados polo seu traballo por parte da corporación municipal tudense.

Moisés Rodríguez quixo destacar o labor dos voluntarios, xa que non é fácil nestes tempos dedicar o tempo aos demais. Grazas á confección destes tapetes púidose recuperar unha tradición de hai anos. Tamén agradeceu o alcalde en funcións de Tui a fidelidade dos voluntarios, xa que moitos deles colaboran, dende hai cinco, na elaboración das alfombras florais.

Pola súa banda, Olga Montes tamén recoñeceu o traballo dos voluntarios e agarda que a tradición perdure. Finalmente, quixo recordar a Dori e á súa familia, xa que foi pioneira na recuperación desta tradición.

Deseguida, todos os voluntarios recibiron un álbum de fotos que ilustra o proceso creativo de elaboración dos tapetes e unha figura de cerámica artesá. Asemade, Olga Montes foi agasallada cunha figura da Catedral polo seu labor e dedicación.