O Concello de Tui recibe mil incidencias anuais a través da APP municipal
A aplicación municipal, posta en marcha en 2020, será actualizada este mes mellorando servizo que presta de comunicación coa cidadanía
O Concello de Tui recibe mil incidencias anuais a través da APP municipal posta en marcha no ano 2020. A aplicación, de descarga gratuíta en Play Store e App Store, co nome de “Concello de Tui” permite o acceso ás noticias, á axenda, ao rueiro, a rutas, directorio, vídeos, ou servizos municipais. Amais as persoas usuarias reciben avisos mediante unha alerta tanto de eventos culturais ou deportivos, coma de avarías ou incidencias de tráfico.
Amais a APP permite enviar unha incidencia, achegando a xeolocalización, fotografías,… e estando informado do estado da mesma, o proceso e a resolución.
Das mil incidencias que se presentaron de media cada ano dende a posta en marcha da aplicación, foron resoltas favorablemente o 66%, o 29% están en proceso, e o 4% non procede. Dos avisos enviados pola cidadanía o 33% teñen que ver con iluminación, o 26% con pavimentos e sumidoiros, o 9% con tráfico e sinaléctica, o 8% con parques e xardíns,…
Deste xeito a APP é unha xanela aberta de comunicación as 24 horas dos 365 días do ano. Neste mes de decembro a aplicación será actualizada mellorando así o servizo que presta de comunicación coa cidadanía.
Dende o Concello de Tui convídase á cidadanía a descargar no seu dispositivo móbil a aplicación para ter así directamente a información de novas, axenda, avisos… e tamén poder presentar dende a mesma as incidencias que correspondan.
Descarga dende GOOGLE PLAY | APP STORE