Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O concello de Tui recada máis 13.700€ tras regularizar a situación dos postos do mercado semanal

2/05/2018

Reclamóuselles a cantidade adebedada a aqueles que tiñan algún recibo pendente, e de non facer o pago non poden volver monta os seus postos

O Concello de Tui  vén de recadar 13.712 € no proceso de regularización do mercado semanal dos xoves levado a cabo nos últimos meses. Con esta actuación, iniciada no mes de febreiro, buscou que todos os vendedores ambulantes que acoden ao mercado que se celebra os xoves na cidade estean ao día no pago das correspondentes taxas. Para iso comunicóuselles a aqueles que tiñan pendente algún recibo a cantidade adebedada e déuselles un prazo de 30 días para facer efectivo o pago.

Deste xeito búscase regularizar a situación do mercado semanal e que non se producira ningunha situación de agravio comparativo entre os que estaban ao día no pago das taxas e aqueles outros que tiñan algún recibo pendente. Deste xeito aqueles que non están ao corrente nos pagos non poden montar o seu posto no mercado.

Por outra parte rematou tamén o prazo dado dende o goberno municipal de presentación de propostas para cambiar o emprazamento actual do mercado semanal, sen que se presentara ningunha achega. Deste xeito o alcalde, Carlos Vázquez Padín, explica que continuarán a traballar na proposta de mudar todos os postos para a prolongación da rúa Casal Aboy, tal e coma se tiña avanzado no mes de febreiro.