Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Concello de Tui realizou as obras para dotar de patio cuberto ao CEIP nº2

23/08/2022

Deste xeito dáse satisfacción a unha vella demanda da comunidade educativa

O Concello de Tui está a realizar nestes meses de vacacións escolares diversas obras de mantemento e mellora nos centros educativos do municipio con cargo a fondos propios. Nos últimos días veñen de rematar os traballos para dotar ao CEIP nº2, situado na Avenida da Concordia, dun patio cuberto, dando así satisfacción a unha vella demanda da comunidade educativa.

En concreto foi construída unha cuberta de 100 metros cadrados entre o edificio do colexio e o pavillón do centro co que se habilita un patio cuberto para que os escolares poidan xogar nos días de choiva, pero tamén posibilitará que o alumnado non teña que mollarse para acudir ás clases de Educación Física.  A nova cuberta está formada por un panel de chapa de aceiro sustentada en piares de aceiro.

A concelleira de Ensino Sonsoles Vicente, salienta que “coa execución desta obra dáse resposta á demanda que dende hai máis dunha década demandaba o profesorado, o alumnado e os país e nais”. A edil amosa a súa satisfacción polo resultado da obra executada da que poderán gozar xa os alumnos e alumnas no inicio do próximo curso escolar.

Por outra parte lembra coma ao abeiro dunha subvención da Consellería de Educación o Concello de Tui solicitou a construción dunha pista multideportiva neste centro escolar. O Concello de Tui farase cargo do financiamento do 40% do investimento previsto.