Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Concello de Tui realizou obras de reforma na aula de Ribadelouro do C.R.A Mestra Clara Torres

26/08/2022

Cambiouse toda a carpintería e realizouse o pintado da aula

O Concello de Tui está a realizar nestes meses de vacacións escolares diversas obras de mantemento e mellora nos distintos centros educativos de Tui, entre eles tamén as aulas do Colexio Rural Agrupado Mestra Clara Torres.

En concreto, con fondos propios, procedeuse á substitución de toda a carpintería de aluminio e ao pintado da aula.

A concelleira de Ensino, Sonsoles Vicente, sinala que “o espazo precisaba illamento térmico, xa que se creaba unha alta condensación debido a antiga carpintería”. Deste xeito, coas obras executadas conséguense acadar obxectivos esenciais: illar a aula das humidades, aportar un maior confort para os nenos e as nenas, e acadar aforro enerxético ao evitar a perda de calor nos espazos.

O Concello de Tui executou xa o ano pasado nesta aula de Ribadelouro a mellora no seu patio cuberto, na zona de xogos e no areeiro.  A estas sumouse no Nadal a reforma case integral dos baños da aula.