O Concello de Tui reafirmou o seu compromiso na erradicación da violencia de xénero
Este mediodía tivo lugar a lectura da declaración institucional con motivo do 25N
O Concello de Tui manifestou este mediodía a súa “condena absoluta ante a violencia de xénero” e reafirmou o seu compromiso “coa súa erradicación”. Así se puxo de manifesto na declaración institucional lida por membros da corporación municipal, en concreto, José Martínez Tato do BNG, Anabel Solla do PP e Sonsoles Vicente do PSdG, no acto celebrado na praza Norte da Catedral.
No manifesto sinalouse coma “a educación e a formación son dous alicerces fundamentais para acabar coas desigualdades entre homes e mulleres e erradicar a violencia machista”, e tamén se deu conta do papel fundamental do Concello coma, administración máis cercana, “no desenvolvemento e implementación das medidas do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero”.
No inicio do acto a concelleira de Igualdade, Ana Nuñez, afirmaba que “a violencia machista é unha realidade, e non se pode ocultar. Aos negacionistas lles dicimos que a violencia de xénero existe, e que o inferno no que viven as mulleres vítimas de violencia é unha realidade da que somos responsables todos e todas coma sociedade”.
Pola súa parte o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, sinalaba que “a comunidade educativa, a pedagoxía e o ensino teñen que ser tamén armas fundamentais para tratar de erradicar a violencia machista”. Aproveitou tamén o acto para trasladar “o noso recoñecemento ao traballo que diariamente realizan os membros dos corpos e forzas de seguridade do estado, nese esforzo que fan por protexer ás mulleres vítimas da violencia machista”, agradecía tamén o seu traballo ao departamento de Servizos Sociais. Reiteraba que o concello de Tui “sempre asumirá o compromiso de seguir incrementando cantos instrumentos sexan necesarios para tratar de sensibilizarnos a todos e todas contra a violencia machista”.
Nesta acto contouse coa participación de Uxía Morán coa acción escénica “A última cea”, que remataba cunha mensaxe de esperanza de que da violencia de xénero se pode saír, e dirixíndose ao alumnado presente dos IES San Paio, Indalecio Pérez Tizón e do Seminario Menor lles dicía sobre as relacións “onde non sexades libres, aí non é”.
Marta Carballo e Paula Guisande do IES Indalecio Pérez Tizón, deron lectura ao poema “A pouca fortuna” escrito polo alumnado do centro. Tomás, Lucas e Alejandro do Seminario Menor San Paio, leron un manifesto ante este 25N, e Yasminha e Adrea do IES San Paio recitaron un poema de Manu Velasco. O acto pechouse gardando un minuto de silencio en memoria da muller atopada onte morta no Polígono das Gándaras no Porriño.
Os actos previstos continuarán mañá sábado, 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.
Ás 12 h na Biblioteca Municipal terá lugar a actividade "Viaxe á selva das Bonobas" a cargo de Lara Fuentes. Comeza coa lectura do conto "A Historia dos Bonobos" e logo a rapazada terá como misión construír unha selva na que exista a igualdade, xa que na do conto non é así, para iso terán que superar varias probas e ir conseguindo os elementos necesarios para romper estereotipos de xénero, lograr a liberdade, diversidade e respecto.
Xa pola tarde, de 17 a 20 h, no Paseo da Corredoira haberá un Punto Violeta atendido por unha psicóloga e unha educadora social, ambas axentes de igualdade con formación e experiencia na prevención e intervención en casos de violencias de xénero. Este Punto Violeta, busca implicar a homes e mulleres na loita contra a violencia machista, proporcionando a información necesaria para saber como actuar ante un caso de violencia contra as mulleres.
Ás 18 h, tamén no Paseo da Corredoira, a actriz Uxía Morán representará a acción escénica “A última cea”. Na peza retrata a unha muller que pasa da ilusión e do amor do día da súa voda, ao confinamento no fogar e á agresión. A música, os silencios, e os golpes sonoros, marcan os ritmos desta proposta que con dureza e contundencia denuncia a violencia de xénero.
A programación prevista nesta campaña continuará o martes 28 ás 19 h na sala Félix Rodríguez cun encontro coa xornalista, escritora e activista feministas María Xosé Porteiro baixo o título de “A revolución feminista”. María Xosé Porteiro conta cunha longa traxectoria coma profesional do xornalismo e autora de varios libros de narrativa, biografía e ensaio. Creou a primeira concellería de Igualdade e a primeira Casa de Acollida de Galicia.
As actividades pecharanse o xoves, 30 de novembro, ás 19 h no edificio Francisco Sánchez coa mesa redonda “Sexualidade, pornografía e violencia de xénero na adolescencia” dirixida a familias e profesionais da educación. Na mesma participarán profesionais do ámbito da pedagoxía, psicoloxía, avogacía e forzas e corpos de seguridade.
Programa 25N | “Non máis violencia por ser muller”
- Sábado, 25 de novembro
- Ás 12 h na Biblioteca “Viaxe á Selva dos Bonobas” con Lara Fuentes
- De 17 a 20 h Punto Violeta no Paseo da Corredoira
- Ás 18 h no Paseo da Corredoira acción escénica “A última cea” de Uxía Morán.
- Martes, 28 de novembro, ás 19 h na sala Félix Rodríguez
- Encontro coa xornalista, escritora e activista feministas María Xosé Porteiro
- Xoves, 30 de novembro, ás 19 h no edificio Francisco Sánchez
- Mesa redonda “Sexualidade, pornografía e violencia de xénero na adolescencia” dirixida a familias e profesionais da educación, a cargo de profesionais do ámbito da pedagoxía, psicoloxía, avogacía e forzas e corpos de seguridade.