O Concello de Tui reafirma o seu compromiso co envellecemento activo
Esta semana como actividade complementaria do programa Coida o corpo celebráronse unhas Olimpíadas Senior
A Ribeira de Caldelas acolleu esta semana as “Olimpíadas Senior” coa participación das 165 persoas usuarias do programa Coida o Corpo impulsado polo Concello de Tui. Foi un encontro deportivo con distintas probas por equipos, buscando potenciar o exercicio físico a través do xogo, a superación persoal e o sentimento de pertenza ao grupo.
Os encontros tiveron lugar en dúas xornadas, o luns 25 e o mércores 27, onde os usuarios e usuarias se dividiron en 11 grupos para realizar as probas nun contexto lúdico e nunha contorna natural privilexiada.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e o presidente de AFAGA, Juan Carlos Rodríguez, achegáronse este mediodía á clausura destas Olimpíadas, compartindo estes momentos de lecer que forman parte das actividades complementarias do programa “Coida o Corpo”.
“Tui é un referente no coidado das persoas”. Así o afirmou o alcalde, Enrique Cabaleiro, confirmando a continuidade deste programa o próximo curso ante a excelente acollida que tivo nesta primeira edición e tendo en conta os grandes beneficios desta actividade tanto a nivel físico como de socialización.
Pola súa banda, o presidente Afaga Alzheimer, Juan Carlos Rodríguez, incidiu en que “o importante é poñer en valor ás persoas de todas as idades”. Agradeceu ao Concello de Tui o “apoio para estas iniciativas” e puxo en valor Coida o Corpo “para manternos activos e positivos mentalmente”.
O programa Cultiva o Corpo, desenvolvido en colaboración con Afaga Alzheimer, vai dirixido a maiores de 55 anos, e busca promover o envellecemento activo mediante hábitos saudables. Nesta primeira edición do proxecto, participaron 165 persoas de todas as parroquias de Tui.
Coida o Corpo celebrou este ano a súa primeira edición, uníndose ao xa consolidado Cultiva a Mente, dúas actividades que se realizan en todas as parroquias tudenses. Con estes dous programas pioneiros, o Concello de Tui reafirma o seu compromiso no eido social.





