Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Concello de Tui presentou este venres a Axenda Cultural de verán e outono

17/07/2015

Música, cinema, competicións deportivas e festas configuran a programación cultural para o verán tudense

Dez espectáculos conforman a programación de outono no Teatro Municipal de Tui

Venres, 17 de xullo de 2015. O Concello de Tui presentou hoxe venres, día 17 de xullo, a Axenda Cultural con decenas de eventos para os meses de verán e citas no Teatro tamén para a tempada de outono.

O acto de presentación tivo lugar ás 11h. na Sala de Concelleiros do Concello de Tui. Ó mesmo acudiron o alcalde da cidade, Enrique Cabaleiro e a concelleira de cultura, María José González, acompañados pola directora do IKFEM, Andrea González, polo membro da organización da Noite Internacional do Miño, Alfonso González, polo director da Banda de Música Popular de Tui e co-organizador do XXIV Festival de Bandas de Música de Tui, Adolfo Besada e o director do Festival Música no Claustro da Catedral de Tui, Samuel Diz.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, puxo en manifesto a súa satisfacción coa presentación desta Axenda Cultural, xa que os eventos que se van realizar nestas datas en Tui, poñen en valor marcos urbanísticos claves e singulares do Patrimonio Histórico e natural da cidade. O rexedor tudense, por outra banda, explicou que o Concello seguirá apostando decididamente pola inversión na Axenda Cultural, xa que o gasto neste eido é altamente rendible e fai que moitos visitantes se acheguen a coñecer Tui.

A concelleira de Cultura, María José González, deu conta que da Axenda Cultural se distribuirán 15.000 exemplares, e salientou que tamén estará dispoñible na páxina web do Concello.  Deseguida, María José González fixo un repaso doutras citas, como a proxección de 4 películas de temática infantil que converterán á Praza de San Fernando nun cine improvisado; da V Festa do Miño, que ten coma protagonista o XLIV Descenso Internacional do río Miño dende Salvaterra, e logo en setembro, para rematar, o conxunto histórico de Tui acollerá a IV Festa do Pracer.

Os Festivais serán os protagonistas no verán tudense

Este verán tudenses e visitantes poderán desfrutar dunha ampla programación de actividades e cinema na cidade. A música será unha das grandes protagonistas.

Andrea González, directora do IKFEM, deu conta que a semana que vén, do 21 ó 26 de xullo, terá lugar a III edición do Festival Internacional de Tecla da Eurocidade Tui-Valença, onde se realizarán masterclass, workshops e concertos gratuítos cos instrumentos máis representativos do teclado. A inauguración está prevista para o vindeiro martes 21, ás 21h., cun concerto a cargo de Andrea González e da Orquestra de Arte Sinfónica de Viana do Castelo.

Deseguida tomou a palabra Alfonso González, representante da XVI Noite Internacional do Miño, que se celebra o martes 28 de xullo ás 21.30h. Explicou que ofrecen un espectáculo no que participarán grupos de Senegal, México, Taiwán e Eslovaquia no Parque do Laxal en Rebordáns.

Adolfo Besada, director da Banda de Música de Tui, mostrou o seu orgullo por organizar un ano máis o XXIV Festival de Bandas de Música de Tui e ser o evento máis veterano. O Festival levarase a cabo o venres 31 de xullo ás 22.30h na Praza de San Fernando. Para rematar, o director do Festival de Música no Claustro da Catedral de Tui, Samuel Diz, incidiu que este encontro, que xa vai pola súa undécima edición, aporta unha oportunidade para descubrir novas facianas do Conxunto Patrimonial tudense, e en concreto da Catedral como motor da cultura. A Música do Claustro terá lugar do 7 ó 9 de agosto no Claustro gótico da Catedral de Tui.

A Biblioteca Municipal de Tui acolle ata decembro 14 actividades e exposicións

Dende setembro e ata decembro, a Biblioteca Municipal de Tui acolle 9 actividades e 5 exposicións. Entre as actividades destácanse as Xornadas Europeas sobre a Cultura Xudía e obradoiros e contacontos destinados para os máis pequenos.

Dez espectáculos conforman a Axenda Cultural para o outono

Para o outono, dez espectáculos conforman a Axenda de outono no Teatro Municipal de Tui, que se celebrarán ata o 30 de decembro co tradicional Concerto de Fin de Ano. Teatro, música e cinema tanto para público adulto coma infantil centran a oferta prevista. 

As entradas para estes espectáculo poranse á venda unha semana antes da función en http://www.culturatui.info/ ata o día da representación ás 13h, ou poderanse mercar ese mesmo día dende hora e media antes do comezo no despacho de billetes da Área Panorámica.

Adxúntase a continuación un PDF coa información da Axenda. Tamén poden consultar a Axenda Cultural completa clicando neste enlace.

http://www.calameo.com/books/002234736e2bcdb30d9f4