Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Concello de Tui presente na comisión galega que viaxou ao Sáhara para coñecer in situ a situación e necesidades do pobo saharauí

21/02/2022

Este ano volverá realizarse o programa Vacacións en Paz

. O Concello de Tui formou parte da comisión galega que a semana pasada viaxou aos campamentos de refuxiados saharauís da man de SOGAPS, Solidariedade Galega co Pobo Saharauí.  O concello tudense estivo representado pola concelleira de Emprego e Igualdade, Ana María Núñez.  Formaba parte tamén da comisión o intergrupo parlamentario composto por un representante de cada un dos partidos políticos con representación parlamentaria, o presidente do Fondo Galego de Cooperación e alcalde de Nigrán, o alcalde e a concelleira de Igualdade de Gondomar, e a concelleira de igualdade e exalcaldesa de Cambados. Na comisión galega viaxou un equipo médico que que realizou  misión humanitaria na casa de Galicia en Bojador. 

A comisión galega foi recibida pola gobernadora da Wilaya de Bojador, Azza Brahim; polo Presidente da República Saharaui e S.G. do Fronte Polisario, Brahim Gali; e pola ministra de Asuntos Sociais e Promoción da Muller, Suelma Beirul, quen fixo especial mención ao importante papel das mulleres nunha sociedade que ten aos homes na guerra. 

Tamén tiveron a oportunidade de visitar o Parlamento e manter un encontro co ministro de Educación, Mrabih El-Mami, que expuxo as necesidades e prioridades do seu ministerio, que pasan por poder garantir unhas condicións mínimas a cada alumno e alumna, por formar ao profesorado, por garantir salarios dignos para reter ao profesorado e controlar o abandono escolar, así coma a necesidade de material escolar didáctico e das infraestruturas para cada Wilaya.

Xa na última xornada, a delegación galega foi recibida polo primeiro ministro da RASD, Bucharaya Hamudi, e pola ministra de Cooperación, Fatma El-Mehdi que agradeceron a inmensa solidariedade e colaboración do pobo español co Sáhara.

A xornada completouse coa sinatura dun convenio de colaboración entre o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade representado polo seu presidente e alcalde de Nigrán, Juan A. González, e a gobernadora da Wilaya de Bojador Azza Brahim, para mellorar a xestión de residuos e xerar emprego nos campamentos. 

A concelleira de Emprego e Igualdade, Ana Núñez, avanza tras a viaxe aos campamentos saharauís que “unha das tarefas inmediatas que abordará o concello de Tui é a adhesión ao Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade”.  Outro dos compromisos adquiridos polo Concello de Tui, entre outras iniciativas a valorar co conxunto dos grupos políticos, é o de aumentar a difusión do programa “Vacacións en paz” que este ano o goberno saharauí xa comunicou de xeito oficial que se levará a cabo , tras o do parón nos dous últimos anos debido á pandemia. Un programa que permite a nenos e nenas dos campamentos de refuxiados pasar os meses de verán con familias españolas.

A concelleira de Emprego e Igualdade, Ana Núñez, que tamén é familia acolledora ao abeiro deste programa, convida “a todas as familias que poidan que vivan a experiencia de acoller a un neno ou nena saharauí”. Agarda que Tui amose o seu lado máis solidario este verán sendo numerosas as familias que acollan a un neno e nena nos meses estivais.