O Concello de Tui presenta “Boas Vibes”, un innovador programa para a promoción da igualdade na mocidade.
Do 20, ó 22 de setembro, a cidade de Tui converterase no epicentro da creatividade xuvenil. "Boas Vibes", é unha iniciativa que busca fomentar a igualdade de xénero a través da arte, a cultura e o deporte
Os días 20, 21 e 22 de setembro, a cidade de Tui converterase no epicentro da creatividade xuvenil coa celebración de "Boas Vibes", unha iniciativa que busca fomentar a igualdade de xénero a través da arte, a cultura e o deporte.
Este programa, dirixido especialmente á mocidade, ofrecerá obradoiros e accións culturais e creativas en distintos espazos da cidade, enfocándose en sensibilizar contra as violencias machistas e contribuíndo á construción dunha sociedade mais corresponsable, igualitaria e inclusiva.
"Boas Vibes" integra a participación de recoñecidos artistas galegos de distintas disciplinas, e combina actividades formativas con inscrición e exhibicións abertas ao público. A proposta inclúe obradoiros de música, poesía, cómic, danza e skate, que ademais de promover a igualdade, buscan apoiar ao talento novo e ofrecer alternativas de lecer saudables para a mocidade.
O programa arranca o venres 20 de setembro cun obradoiro de música e rimas impartido pola cantante de músicas urbanas Wöyza, dirixido a rapazada de 14 a 25 anos, con prazas limitadas e inscrición previa, rematando esta xornada cunha actuación aberta na Praza de San Fernando.
O sábado 21 será a quenda dos obradoiros de poesía para mozas e mozos de 16 a 25 anos, coa Premio Nacional de Poesía 2023 Yolanda Castaño e de cómic e debuxo manga, para rapazada de 12 a 18 anos, coa debuxante e docente Coral Martínez. Xa pola tarde, a bailarina e coreógrafa de danzas urbanas Yara Juncal impartirá un obradoiro de danza no lateral da Catedral, rematando a xornada coa actuación do grupo Boombox Dance Studio na Praza de San Fernando, de acceso libre.
Finalmente o domingo 22 o colectivo Vella Escola pechará o evento con dous obradoiros de skate con prazas limitadas e inscrición previa que farán as delicias de rapaces e rapazas, e unha exhibición de rolling para todos os públicos da patinadora galega de recoñecido prestixio nacional Bomba Hache. Ademais, de 16:00h a 20:00h, haberá dispoñibles algunhas ramplas e módulos de libre disposición, para toda a rapazada maior de 12 anos que queira achegarse co seu skate.
Organizado pola concelleria de igualdade do Concello de Tui ao amparo do Plan Corresponsables xestionado pola Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia e coa financiación do Ministerio de Igualdade, "Boas Vibes" representa unha oportunidade única para a mocidade de participar en actividades creativas ao tempo que promove valores de igualdade e respecto.
Inscricións no enderezo de correo electrónico: igualdade@tui.gal.
Máis información na oficina de turismo de Tui, no paseo da Corredoira ou no teléfono 664 55 24 93.
Formulario de Inscrición