Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Concello de Tui presenta aos clubs deportivos tudenses unha nova aplicación para a tramitación das subvencións

15/07/2020

Coa APP Cluber durante un ano, de xeito gratuíto, poderán realizar a xestión da entidade

Os clubs deportivos tudenses teñen ao seu dispor unha aplicación móbil para a xestión das subvencións nominativas do Concello de Tui. 

Hai uns días o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, xunto ao concelleiro de Deportes, Rafael Estévez e o responsable da empresa Cluber, Diego López, presentaron ás entidades deportivas tudenses esta aplicación contratada polo concello, para facilitar a tramitación destas subvencións. En concreto a través desta app os clubs poden ir completando toda a documentación que precisarán no momento de solicitar a achega municipal. De xeito moi sinxelo e visual poden subir á APP os estatutos, directiva, fotografías… e outros documentos requiridos. No momento en que se abra o prazo para a presentación de solicitudes das subvencións nominativas o club poderá xerar o documento a través de Cluber e descargalo para presentalo a través da sede electrónica do Concello de Tui.

Con esta aplicación facilítase a tramitación, converténdose nun proceso sinxelo que se pode ir avanzado coa compilación de toda a información para ter todo listo no momento da convocatoria das achegas por parte do Concello.   Amais, a través desta aplicación os clubs poderán realizar toda a xestión da entidade de forma gratuíta durante un ano.  Así poderán dende dar de alta aos xogadores, cobrar as cotas de socios, enviar comunicacións a xogadores e xiareiros, entre outras funcionalidades. 

Na reunión celebrada hai uns días, á que asistiron representantes de 19 entidades deportivas tudenses, tanto o alcalde, Enrique Cabaleiro, coma o concelleiro de Deportes, Rafael Estévez, comunicaron que, pese as excepcionais circunstancias que estamos a vivir, se van a manter dende o Concello as subvención nominativas a clubs deportivos. En canto á achega municipal para probas deportivas que non se puideron celebrar nos últimos meses debido á pandemia da COVID-19, os responsables municipais avanzaron que ese importe económico se destinará á mellorar as instalacións deportivas.