Pronóstico de Tutiempo.net
Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Concello de Tui participa na Semana Internacional de Concienciación sobre o Compost

4/05/2022

Mañá xoves e o venres alumnado de centros educativos coñecerán no Centro de Compostaxe Comunitaria da Praza de Abastos o seu funcionamento

O Concello de Tui participa na Semana Internacional de Concienciación sobre o Compost, ICAW 2022, que este ano se celebra baixo o lema “Compost, a receita para a rexeneración”. Así durante esta primeira semana de maio lévanse a cabo en diferentes países actividades e eventos para promover a compostaxe.  Tui súmase a esta iniciativa da man de Composta en Rede, colectivo ao que o Concello de Tui está adherido dende 2021.

Con motivo desta Semana Internacional mañá xoves e o venres, no Centro de Compostaxe Comunitaria situado a carón da Praza de Abastos, alumnado do CEIP nº2, CEIP nº2, CEIP de Pazos de Reis, Colexio Maristas Santa María e IES Indalecio Pérez Tizón, coñecerán coma funciona un composteiro comunitario, cal é proceso de compostaxe, que se pode botar e que non no composteiro,… tamén levarán de agasallo unha pequena mostra de compost tras realizar o peneirado do mesmo.

Ao mesmo tempo o xoves, de 10 a 14 h, a Oficina de Bioresiduos e Compostaxe, trasládase a este mesmo punto a carón da Praza de Abastos. As persoas que se acheguen poderán coñecer o funcionamento dun Centro de Compostaxe Comunitaria, solicitar un composteiro individual, un aireador, un caldeiro para a compostaxe comunitaria, e resolver coa mestra composteira as dúbidas que teñan sobre este proceso.

Amais cómpre lembrar que esta semana comezan as charlas informativas nas parroquias tudenses para explicar o Plan Municipal de Compostaxe. Nas mesmas as persoas interesadas poderán obter un composteiro individual cubrindo no momento o impreso de solicitude.  As primeiras charlas terá lugar este venres, 6 de maio, ás  20 h no Centro Cultural de Pexegueiro, e ás 21.30 h no Centro Cultural de Areas.