Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Concello de Tui organiza un curso gratuíto de Marcha Nórdica

20/03/2024

O proxecto desenvolverase entre os meses de abril e xullo

O Concello de Tui, co obxectivo da promoción da saúde e o contacto coa natureza, organiza un curso gratuíto de Marcha Nórdica, actividade que brindará ás persoas participantes a oportunidade de aprender e desfrutar desta disciplina deportiva nun entorno natural.

O proxecto comezará cunha charla informativa o mércores 3 de abril, ás 20.15 horas, na Aula da UNED de Tui. Nesta sesión, na que poderán participar todas as persoas interesadas, ofrecerase información detallada sobre a práctica da Marcha Nórdica, os seus beneficios e as pautas a seguir para participar nas seguintes sesións.

O curso básico constará de dúas sesións de iniciación, que se realizarán dende o pavillón da Macoca, nas seguintes datas:

  • Primeira sesión - Sábado 13 de abril
  • Segunda sesión – Sábado 20 de abril

É importante destacar que a inscrición para participar tanto nestas sesións, como nas de consolidación, é obrigatoria, tendo como límite para inscribirse ata o xoves 11 de abril, tendo un máximo de 40 persoas participantes (a partir de 12 anos en adiante), distribuídas en dous grupos:

  • Grupo 1 – de 09.30 a 11.30 horas
  • Grupo 2 – de 12.00 a 14.00 horas

Posteriormente, levaranse a cabo 10 sesións de consolidación, percorrendo distintas zonas de xeografía tudense, nos seguintes sábados:

  • 27 de abril
  • 4, 11 e 18 de maio
  • 8, 22 e 29 de xuño
  • 6, 13 e 20 de xullo

As persoas interesadas poden inscribirse enviando un correo electrónico co seu nome, apelidos, DNI e número de teléfono ao enderezo electrónico info@marchanordicagalicia.com ou solicitar máis información no número 629 03 19 05.

É importante destacar que o Concello de Tui é membro da Rede Española de Cidades Saudables, o que reflicte o seu compromiso coa promoción de estilos de vida activos e saudables entre a súa cidadanía, dado que este proxecto de Marcha Nórdica, súmase ás actividades xa programadas dentro do calendario deportivo tudense, como o Circuíto de Andainas Saudables da Eurocidade, as distintas carreiras populares, e os eventos deportivos organizados polos clubs deportivos tudenses.