Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Concello de Tui ofrece un curso de condución efeciente de caracter gratuito

4/05/2010

O CONCELLO DE TUI ORGANIZA UN CURSO DE CONDUCIÓN EFECIENTE O VINDEIRO LUNS 24 DE MAIO

 

Martes, 4 de maio de 2010. O Concello de Tui, a través da Concellería de Cultura, organiza un curso de condución eficiente na cidade o vindeiro luns, 24 de maio.

 

Esta actividade de carácter gratuíto está dirixida a todos os veciños e veciñas de Tui sen limitación algunha e terá lugar no Telecentro do Edificio Área Panorámica de Tui o luns 24 de maio de 2010 en horarios de 10 a 12, de 12 a 14, de 16 a 18 e de 18 a 20 horas cun máximo de 8 alumnos por quenda (se houbera poucos matriculados poderían ser reagrupados os horarios).

 

Obxectivos

O obxectivo deste curso é realizar un uso máis racional do vehículo e ofrecer un novo estilo de condución para promover un cambio de actitude nos usuarios.

 

A condución eficiente consiste en aplicar unha serie de técnicas para reducir o consumo de combustible e a contaminación medioambiental e ademais, conseguir aumentar a seguridade viaria e o confort a bordo. Segundo datos facilitados polo Instituto para la Diversificación y Ahorro de Energía (IDAE) os españois aforrarían un 15% anual en combustible cunha condución máis económica e sen diminuír a velocidade media.

 

Profesorado

O curso contará con monitores/as expertos/as que explican as técnicas ao volante para aproveitar a eficiencia enerxética dos vehículos actuais. O alumnado terá a posibilidade de comparar a influencia das técnicas de condución no consumo de combustible mediante unha proba práctica antes e despois da sesión teórica.

 

Estrutura

O curso realízase nunha única sesión cunha duración aproximada de 2 horas, sendo a estrutura do curso:

  • Quenda de condución normal por cada alumno/a
  • Sesión teórica
  • Quenda de condución por parte de cada alumno/a, aplicando as técnicas de condución eficiente
  • Exposición de resultados das quendas

 

Para a realización das prácticas porase a disposición dos alumnos/as un vehículo con medición de consumo. O número de alumnos por vehículo será como máximo de catro. As roldas de condución serán realizadas por cada un dos catro alumnos do grupo.

 

O curso levarase a cabo nun percorrido que conte coa maior parte dos elementos representativos da circulación (cruzamentos, rotondas, vías de dobre sentido, pendentes en subida e en baixada, etc.) e nas que a aplicación dunha ou outra técnica achegan diferenzas en consumo.

 

Aos asistentes entregaráselle un Manual de condución eficiente así como un diploma acreditativo da participación no curso.

 

Requisitos

Contar cun mínimo de 8 persoas que dispoñan de carné de conducir tipo B e sexan condutores habituais. O día do curso os alumnos terán que levar orixinal e fotocopia do carné de conducir. O curso ten carácter gratuíto.

 

As persoas interesadas deben cubrir a corresponde ficha de inscrición e entregala na Biblioteca Municipal. A inscrición poden realizala a través do correo electrónico: biblioteca@concellotui.org, indicando os seus datos persoais, DNI, e telefono de contacto.

 

Para o concelleiro de cultura, Moisés Rodríguez Pérez, está actividade é unha testemuña da aposta do Concello tudense pola sostenibilidade. Este curso está organizado en colaboración co Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA) e a Fundación Axencia Intermunicipal da Enerxía de Vigo.