Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Concello de Tui oferta dous novos campamentos

14/06/2024

Haberá un de Intelixencias Múltiples e outro Tecnolóxico. O prazo de solicitude de praza está aberto dende hoxe até o próximo martes 18

O Concello de Tui amplía a oferta de campamentos para este verán na cidade coa organización de dúas novas iniciativas coas que facilitar a conciliación da vida laboral e familiar durante as vacacións escolares de verán.  As persoas interesadas poden presentar a solicitude de praza dende hoxe mesmo e até o próximo martes 18. Estes campamentos ofrecerán actividades educativas e recreativas que non só divertirán aos máis pequenos, senón que tamén promoverán o seu desenvolvemento persoal e tecnolóxico. Ambos contan co financiamento do Plan Corresponsables.

Trátase dun Campamento de Verán de Intelixencias Múltiples que se vai celebrar do 1 xullo ao 30 de agosto, e dun Campamento Tecnolóxico que se desenvolverá do 1 ao 31 de xullo.

O Campamento de Verán de Intelixencias Múltiples brindará aos nenos e nenas un verán cheo de emoción, diversión e aprendizaxe, onde cada un descubrirá e potenciará os seus talentos únicos nunha contorna segura, estimulante, respectuosa e en contacto coa natureza. Este campamento está deseñado para estimular as diferentes áreas de intelixencia dos nenos e nenas, baseándose na teoría das intelixencias múltiples de Howard Gardner. As actividades incluirán xogos e tarefas que promoverán a  Intelixencia Lingüística con contacontos, historias, debates, e unha vez á semana inmersión lingüística en inglés. Para promover a Intelixencia Lóxico-matemática realizarán scape-room, experimentos científicos e obradoiros de cociña; mentres que para a Intelixencia Espacial realizarán obradoiros de arte, construcións creativas, xogos de orientación e coñecemento do noso patrimonio natural e etnográfico. Potenciarán a Intelixencia Musical con obradoiros de música e expresión corporal, e a Intelixencia Corporal con actividades físicas ao aire libre e sendeirismo. Realizarán asembleas, resolverán problemas e desenvolverán xogos cooperativos e habilidades sociais para potenciar a Intelixencia Interpersoal. Mentres levarán a cabo actividades de mindfulness e intelixencia emocional para promover a Intelixencia Intrapersoal. Por último  potenciarán a Intelixencia Naturalista con excursións á natureza, observacións e coñecemento da flora e fauna autóctona e con actividades de horta.

Este Campamento de Intelixencias Múltiples vai dirixido a nenos e nenas de 3 a 12 anos. Celebrarase na aula da UNED e na Alameda de San Domingos de 9 a 14 h con opción de horario concilia de 8 a 15 h. Ten un prezo de 30,56€ canda quenda..

Mentres o Campamento Tecnolóxico celebrarase do 1 ao 31 de xullo, de 9 a 13 h, no edificio Francisco Sánchez para nenos e nenas de 7 a 14 anos. O prezo será de  15,28 € cada quenda dunha semana. Estará enfocado no desenvolvemento das competencias dixitais, con actividades centradas na programación, robótica, impresión 3D, intelixencia artificial, animación, ciberseguridade, música dixital, prototipado rápido e Desing Thinking. Os participantes terán a oportunidade de aprender de maneira práctica e divertida, traballando en proxectos que fomenten a súa creatividade e o pensamento crítico.

Esta iniciativa busca preparar aos nenos para o futuro tecnolóxico, brindándolles ferramentas e coñecementos que serán esenciais nas súas futuras carreiras académicas e profesionais.

O prazo de inscrición para ambos campamentos comeza hoxe, 14 de xuño, e se prolongará até o próximo martes, 18 de xuño, a través da sede electrónica do Concello de Tui ou por rexistro de entrada. Débese presentar o modelo de solicitude correspondente a cada campamento xunto coa documentación requirida.  En tui.gal pódense consultar as bases de cada campamento.

A concelleira de Igualdade, Ana Núñez, salienta que con estes campamentos, “queremos ofrecer aos nosos nenos e nenas unha oportunidade única de aprender e divertirse durante o verán, ao tempo que axudamos ás familias a conciliar a súa vida laboral e familiar. Estamos comprometidos en apoiar o desenvolvemento integral dos máis pequenos e en preparalos para os retos do futuro". Salienta Ana Núñez o compromiso da concellería de Igualdade polo impulso de iniciativas de conciliación e promoción da igualdade neste caso coa organización destas dúas iniciativas.

Indica a concelleira que deste xeito o Concello de Tui oferta este verán tres campamentos: Igual É +, que cubriu todas as prazas xerándose lista de agarda, e estes dous novos. Amais indica que no municipio este verán rexístrase unha ampla oferta de campamentos de verán que organizan dende asociacións, entidades privadas, ou centros educativos, e que conforman unha extensa gama de iniciativas para que os nenos e nenas gocen deste verán en plena natureza, practicando deporte, descubrindo a cidade, ou avanzando no ámbito tecnolóxico.

Salienta Ana Núñez o compromiso da concellería de Igualdade polo impulso de iniciativas de conciliación e promoción da igualdade neste caso coa organización destas dúas iniciativas.

O desenvolvemento destes dous novos campamentos organizados polo Concello de Tui é posible grazas á achega concedida pola  Secretaría Xeral da Igualdade ao abeiro das subvencións ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para a promoción da igualdade, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, parcialmente cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027.

Campamento de Verán de Aventuras - Intelixencias Múltiples

Campamento de Verán Tecnolóxico