Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Concello de Tui lembra que a práctica de xogos en espazos abertos que impliquen un risco para persoas ou bens e a circulación temeraria con patíns ou monopatíns por beirarrúas ou lugares destinados aos peóns é unha infracción grave

14/06/2023

Así o recolle a Ordenanza Reguladora da Convivencia Cidadá nos Espazos Públicos 

O Concello de Tui lembra que a práctica de xogos nos espazos abertos que impliquen un risco relevante para a seguridade de persoas ou bens e, especialmente, a circulación temeraria con patíns ou monopatíns por beirarrúas ou lugares destinados aos peóns constitúe unha infracción grave da Ordenanza Reguladora da Convivencia Cidadá nos Espazos Públicos.

O alcalde de Tui en funcións, Enrique Cabaleiro, lembra nun bando a obriga de cumprir con esta ordenanza que ten como finalidade protexer a convivencia cidadá entre todos os veciños e veciñas e todas as persoas que residen na nosa cidade ou a visitan, cada vez en mais número, para gozar dos seus múltiples atractivos históricos, culturais, deportivos e naturais.

No caso de rexistrarse estes xogos ou condución temeraria de patíns ou patinetes os axentes informarán, en primeiro lugar, a estas persoas de que estas prácticas están prohibidas. No caso de que persistan na súa actitude  procederán  a correspondente denuncia e intervirase cautelarmente o xogo, monopatín, patín ou similar.  Estas condutas poden ser sancionadas con multas de 751 € ata 1.500 €. No suposto de acción cometidas por menores de idade, os país, as nais ou as persoas que resulten legalmente responsables dos mesmos, serán responsables civís dos danos e prexuízos que se deriven das accións dos menores.

No bando da alcaldía indicase que coa Ordenanza Reguladora da Convivencia Cidadá nos Espazos Públicos preténdese conseguir o maior e o mellor nivel de convivencia, así como a máxima protección dos nosos recursos, bens e servizos de todo tipo establecendo medios para tratar de reducir ao mínimo as condutas e usos pouco respectuosos ou conflitivos que puidesen afectar negativamente a convivencia cidadá.

Tamén se indica que corresponde á Administración Municipal evitar comportamentos incívicos que se produzan en prexuízo grave da cidadanía cando esta non teña o deber xurídico de soportalo.