Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Concello de Tui lamenta o pasamento de Damián Estévez Rodríguez, adestrador do CD Caldelas de Tui

16/03/2023

A morte repentina de Damián Estévez Rodríguez, de 36 anos, e adestrador do CD Caldelas de Tui, conmocionou ao fútbol galego e ao Concello de Tui

Nado en Salceda de Caselas en 1986, Damián Estévez estaba casado con Yolanda Sousa e acababa de ser pai do seu segundo fillo hai uns días. Era xenro do ex concelleiro da corporación municipal de Tui, José Manuel Sousa, quen o consideraba coma un fillo. Tamén era sobriño do actual concelleiro de Parque Móbil, Javier Rodríguez Gómez.

Malia a súa xuventude, Damián deixou por escrito que os seus órganos sirvan para salvar vidas. A súa traxectoria levouno por clubs deportivos como o Pontellas porriñés, a Cultural Areas de Ponteareas e o Caldelas Tui, banco que ocupaba dende a tempada pasada. Moitas entidades deportivas transmitiron nas redes o pesar polo falecemento dunha persoa moi nova, chea de vida e apaixonada polo deporte.

O seu corpo será velado hoxe pola mañá no tanatorio Finisterre de Tui. Ás 17:15 h sairá en dirección á capela da Virxe do Camiño de Rebordáns, parroquia tudense onde residía coa súa muller e fillos, e lugar onde se lle dará o último adeus ás 17:30 h.

A súa é unha gran perda para o deporte tudense e para o concello de Tui, destacando sempre polo seu valor coma persoa e coma profesional.

Descanse en paz.