Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Concello de Tui inviste máis de 100 mil euros nos centros educativos

2/08/2017

Un novo comedor no CEIP nº2 e a remodelación do patio do CEIP de Randufe son dúas das actuacións que se están a executar

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e a concelleira de Ensino e Cultura, María José González, supervisaron esta semana as obras que se están a realizar nos distintos centros educativos do municipio aproveitando as vacacións escolares. Estes traballos suporán un investimento superior aos 100 mil euros tanto de fondos propios coma do plan Concellos da Deputación.

Unha das actuación destacadas é o acondicionamento do novo comedor escolar no CEIP nº2 de Tui con cargo ao Plan Concellos. Trátase de reformar o edificio que nos últimos anos acollera a sede do CRA Mestra Clara Torres para dar cabida a todos os alumnos que demandan o servizo de comedor, que se incrementou notablemente nos últimos anos.  Prevese que as obras estean rematadas no mes de outubro. Amais no CEIP de Pazos de Reis acondicionouse unha estancia para prestar o servizo de comedor que este centro incorporará no próximo curso escolar.

Por outra parte, tamén con fondos dos Plan Concellos, estase a acondicionar o patio exterior do CEIP de Randufe, dando resposta así a unha vella demanda deste centro educativo.  Tamén con fondos provinciais levarase a cabo o arranxo e acondicionamento do patio exterior e da zona axardinada da Escola Infantil Galiña Azul.

O verán é aproveitado para realizar amais diversas obras de mantemento polos operarios municipais, pondo a punto os colexios para o comezo do curso o próximo mes de setembro. Os escolares atoparán así unha nova imaxe no aula de Infantil e tamén no colexio de Guillarei onde se está rematando o pintado exterior en gris e azul, se arranxou o peche e o parque infantil, e se reformaron os baños para facelos accesibles. Mentres malva e fucsia e pistacho e malva foron as cores polas que se apostou para o pintado interior do CEIP de Caldelas, e tamén se acometerá o pintado dalgunhas aulas do CRA Mestra Clara Torres.  Amais no CEIP de Rebordáns comezaron hoxe o cambio dos falsos teitos.

A estes traballos sumanse tamén pequenos arranxos que con carácter xeral se realizan en todos os centros educativos públicos póndoos a punto para o novo curso escolar.