Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Concello de Tui inviste case 26 mil euros na renovación do mobiliario urbano

3/04/2023

Serán colocados 45 bancos, 25 papeleiras e 9 fontes tanto no centro urbano coma nas parroquias

O Concello de Tui está a mellorar o mobiliario urbano situado ao longo do termo municipal tanto no centro urbano, coma nas parroquias, nos parques infantís, ou nos centro educativos. O investimento a realizar ascende a 25.925,46€ e suporá a colocación de 45 bancos, 25 papeleiras, e 9 fontes.

En concreto estanse a substituír aqueles elementos en mal estado, que pese ao labores de mantemento realizados non é posible a súa recuperación xa que chegaron ao final da súa vida útil. Noutros casos colócanse en lugares que carecían dos mesmos dando resposta as solicitudes presentadas pola veciñanza.

A concelleira de Urbanismo, Parques e Xardíns, Yolanda Rodríguez, explica que “estas actuacións responden ás necesidades máis urxentes, sendo coñecedores que é necesario seguir traballando até acadar a renovación de todo aquilo que sexa preciso”.

Os materiais empregados nestes novos elementos son resistentes e adaptados ao ámbito no que van ser colocados. Así instalaranse tres tipos de bancos, 25 unidade de polietileno de alta calidade en cor vermello e violenta. 10 de polietileno de gran calidade ecolóxico en cor corten, e 10 de madeira con patas de fundición dúctil.

Colocaranse 10 papeleiras de polietileno para a recollida selectiva de residuos, e 15 de aceiro con sombreiro abatible, aro suxeita bolsas, con capacidade de 80 litros.

Tamén serán colocadas 5 fontes de aceiro inoxidable adaptadas para persoas con discapacidade, e outras 4 en aceiro inoxidable que incorporan un bebedeiro para cans. Estas últimas serán instaladas no ámbito fluvial e na zona de calistenia ao final do paseo da Veiga do Louro.