Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Concello de Tui instala un novo desfibrilador no Campo Municipal de Fútbol de Guillarei

16/12/2020

Tui conta con sete unidades que dan cobertura a dez instalacións deportivas municipais

Dende o día de onte, o Campo Municipal de Fútbol de Guillarei conta cun desfibrilador semiautomático externo, que dará seguridade aos deportistas usuarios da instalación ante os posibles riscos cardíacos que se poidan producir durante a práctica deportiva.

O concelleiro de Deportes de Tui, Rafael Estévez e o presidente do Club de Fútbol de Guillarei, Manuel Rodríguez, estiveron presentes durante a instalación do desfibrilador na instalación, e remataron a coordinación do curso certificado que o 061, a través do médico Rosendo Bugarín, impartirá a seis directivos do club local.

O Concello de Tui xa conta con sete desfibriladores nas súas instalacións deportivas, que dan cobertura a dez instalacións: Pavillón novo (da cobertura ao pavillón vello),  Campo Municipal de Fútbol “Álvarez Durán”, Centro Interfederado (con cobertura ao Centro Municipal de Remo e o de Piragüismo “Enrique Míguez”), Pavillón da Macoca, Campo Municipal de Fútbol de Caldelas, de Ribadelouro e, dende onte, no de Guillarei.

A intención do Concello de Tui é ter todas as instalacións deportivas municipais cardioprotexidas, polo que, no próximo ano 2021, instalará un novo desfibrilador nas pistas municipais de tenis de Areas e, co apoio do médico tudense Rosendo Bugarín, seguirá impartindo obradoiros básicos sobre o manexo destes aparatos entre os directivos, adestradores e deportistas dos clubs deportivos tudenses.