Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Concello de Tui inaugura o novo Centro Municipal de Piragüismo Quique Míguez

21/09/2022

A actuación supuxo un investimento de 600 mil euros financiados polo Consello Superior de Deportes

Esta mañá tivo lugar o acto inaugural do Centro Municipal de Piragüismo Quique Míguez, na rúa Olímpicos Tudenses, tras a obras de reforma acometidas ao longo dos últimos meses.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, xunto ao presidente do Consello Superior de Deportes, José Manuel Franco, foron os responsables do acto inaugural. Alí estiveron tamén os presidentes das Federacións Española e Galega de Piragüismo, Javier Hernanz e Alfredo Bea, respectivamente, e o presidente do Club Kaiak Tudense, Diego Piña. A subdelegada do goberno en Pontevedra, Maica Larriba, o deputado da Deputación de Pontevedra, Carlos López, o xefe provincial de Deportes da Xunta de Galicia, Daniel Benavides, o comandante naval do Miño, Pablo Redondo, e o concelleiro de Deportes do Concello de Tui, Rafael Estévez, presenciaron tamén o evento, xunto a outros membros e concelleiros da corporación municipal. Tamén acudiron convidados o propio medallista Quique Míguez, os expresidentes do Club Kaiak Tudense e padeeiros e padeeiras do club.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, quixo agradecer ás autoridades presentes e implicadas “nestes traballos de mellora, cumprindo cos parámetros de eficiencia, comodidade e, sobre todo, dignificación e habitabilidade para un club histórico”.

José Manuel Franco, presidente do Consello Superior de Deportes destacou a “tenacidade do goberno local e do Club Kaiak Tudense por obter o investimento para unhas obras que dignifican estas instalacións”, que están “á altura” dos seus deportistas”.

Pola súa banda, Diego Piña, o presidente do Kaiak Tudense, quixo salientar o esforzo de “todas as persoas que pelexaron por este club dende os seus inicios”. Javier Hernanz, presidente da Federación Española de Piragüismo, eloxiou ao club tudense, ao que definiu como “emblemático” e agradeceu o investimento realizado por parte do Consello Superior de Deportes.

O alcalde, Enrique Cabaleiro, ao remate do acto, entregou ao presidente do Consello Superior de Deportes, José Manuel Franco, unha réplica da centenaria Ponte Internacional, “dun dos nosos máis importantes emblemas que representan tamén a nosa unión con Portugal”.

Obras de remodelación

As obras de remodelación acometidas no centro tudense comezaron en outubro do pasado ano 2021, e supuxeron un investimento de 600 mil euros financiados polo Consello Superior de Deportes. O edificio conta agora con novas e maiores entradas de luz natural. A fachada integrouse na contorna con revestimento en madeira que redunda tamén na eficiencia enerxética do inmoble. Amais, a planta baixa reformouse situándose na parte traseira o almacén das piraguas e a entrada lateral da acceso agora á sala de espera, aos vestiarios e ao ximnasio. Tamén nesta planta baixa se sitúa vestiario adaptado.

O primeiro andar, que aumentou o seu volume, acolle agora a zona administrativa, de fisioterapia, sala de descanso, zona de sauna, hidromasaxe, crioterapia e vestiarios, amais da zona de ergómetros.