Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O concello de Tui finaliza con éxito o seu programa de capacitación dixital

11/02/2025

Máis dun centenar de veciños e veciñas recibiron o seu certificado tras a formación realizada ao longo de 2024

O Concello de Tui  foi beneficiario dunha subvención por parte do Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea a través do Next Generation EU. Grazas a esta axuda, foi posible a creación dun Centro de Capacitación Dixital no municipio, fomentando a inclusión dixital e facilitando novas oportunidades de formación tecnolóxica para a veciñanza, garantindo que ningún tudense quede atrás no proceso de transformación dixital.

Como resultado deste programa, un total de 107 veciñas e veciños, o longo do ano 2024, completaron con éxito a súa formación en competencias dixitais, recibindo os seus correspondentes certificados de formación en “Dixitalización aplicada”. Este programa formativo de 30 horas de duración, foi clave para dotar á poboación de ferramentas tecnolóxicas esenciais, favorecendo así a súa inserción laboral e adaptación a un mundo cada vez máis dixitalizado.

O pasado venres tivo lugar o acto de entrega de certificados, no Salón de Plenos do Concello de Tui, a cargo do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e da concelleira de Formación e Emprego Ana Núñez, que destacaron a importancia deste tipo de iniciativas para reducir a fenda dixital e promover a capacitación tecnolóxica entre a cidadanía.

Coa adhesión do Concello de Tui á Rede Estatal de Centros de Capacitación Dixital reafírmase o compromiso do goberno municipal coa educación e coa dixitalización, apostando por novas oportunidades de formación que contribúan ao desenvolvemento persoal e profesional ao tempo que garanten que a veciñanza dispoña das ferramentas necesarias para afrontar os retos do futuro.