Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Concello de Tui fai un balance positivo do Ano Santo con máis de 33 mil peregrinos

7/01/2011

O Concello de Tui fai un balance positivo do Ano Santo con máis de 33 mil peregrinos

A cidade consolídase coma o terceiro lugar de inicio da peregrinación a Santiago

Ao longo do ano foron acollidos en dependencias municipais 3887 peregrinos, foi aberto o Centro de Interpretación do Camiño Portugués, editados folletos, arranxado o tramo tudense do Camiño, etc.

 

Venres, 7 de xaneiro de 2011. O Concello de Tui, tralo remata do Ano Santo Compostelán, vén de facer un balance moi positivo do desenvolvemento deste fenómeno de peregrinación xacobea na cidade que se consolidou como o primeiro lugar, fóra do camiño francés, elixido polos peregrinos para comezar o seu itinerario cara Compostela.

 

Un total de 33.864 peregrinos pasaron por Tui no seu camiño cara á tumba do Apóstolo Santiago recibindo a "Compostela". Son máis do dobre que no anterior Ano Santo, en 2004, cando a cifra de peregrinos foi de 15.846. Pero, aínda resulta máis significativo que a finais de decembro de 2010 eran 17.888 os peregrinos que tiñan iniciado en Tui a súa andaina e, aínda que maioritariamente españois e portugueses, houbo de peregrinos dos cinco continentes, salientando alemáns, italianos, franceses, holandeses, etc.

 

Ao longo do pasado ano nas dependencia do Concello de Tui foron acollidos un total de 3.887 peregrinos, deles 802 no albergue temporal que abriu as súas portas nos inicios do mes de agosto e o resto nos pavillóns de deportes. Salientaron especialmente as grandes peregrinacións das dioceses de Andalucía (con case 2000 peregrinos) e das dioceses de Cataluña (con máis de 500 mozos). A estes datos cómpre sumarlle os 3.991 peregrinos que se aloxaron no albergue oficial do Xacobeo na nosa cidade. En total 7.878 peregrinos foron acollidos en Tui nas dependencias de carácter público ao que hai que engadirlle os aloxados no albergue privado en funcionamento e nos establecementos hoteleiros da cidade.

 

O Concelleiro de Cultura, Moisés Rodríguez, amosase moi satisfeito por estes datos do número de peregrinos que pasaron ou partiron de Tui no seu Camiño a Santiago de Compostela, o que sen dúbida é en boa parte froito do esforzo feito polo concello este ano para reivindicar o feito de que Tui é a Porta de Entrada do Camiño Portugués a Galicia, así coma das moi diversas iniciativas tanto promocionais coma de infraestruturas acometidas entorno a este itinerario xacobeo. Engade que o Concello de Tui seguirá mantendo a súa aposta neste ano que vimos de comezar co obxectivo de que os peregrinos se sigan achegando ata a cidade, e poidan coñecer así o amplo patrimonio relacionando con esta ruta de peregrinación ou mesmo o Centro de Interpretación do Camiño que permanecerá aberto. O obxectivo é que o Camiño de Santiago sexa un atractivo permanente máis dos moitos que ten xa Tui para os turistas e vistantes.

 

 

A modo de resumo compre citar as medidas adoptadas, en colaboración cos sectores implicados, neste Ano Santo:

-          O perfil en Facebook "Tui, camino de Santiago" con máis de 3.200 seguidores e que ten fornecido información a numerosos peregrinos e difundido a imaxe de Tui polas redes sociais.

 

-          A edición de material informativo destinado aos peregrinos en seis idiomas (galego, español, portugués, inglés, alemán e francés) e a nova guía turística de Tui presentada no pasado verán.

 

-          A creación do Centro de Interpretación do Camiño Portugués con case seis mil visitantes dende a súa apertura no pasado mes de xuño, un espazo único en todo camiño portugués para informar sobre este roteiro e a súa historia.

 

-          Diversas obras e intervencións no camiño portugués para a súa posta en valor, con exemplos como as intervencións realizadas na zona de San Bartolomeu coa rehabilitación do lavadoiro, ou o mantemento do itinerario por persoal municipal, etc.

 

-          A acollida de todos os peregrinos que o solicitaron e que non tiveran lugar no Albergue oficial do Xacobeo. Dende os primeiros días de agosto co funcionamento do albergue temporal no antigo convento de San Domingos, se incrementaron con 74 prazas as 36 xa existentes do albergue, dispondo Tui de 110 prazas públicas para acollida de peregrinos. A isto hai que engadirlle que os grupos de número superior foron acollidos nos diversos pavillóns polideportivos municipais sempre que foi necesario. As obras e equipamento do albergue temporal foron realizadas ao abeiro de sendos convenios asinados coa S. A. de Xestión do Plan Xacobeo.

 

-          Tamén grazas a outro convenio asinado coa Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado a cidade participou no programa de "Voluntariado xacobeo" dispondo dende abril a setembro de voluntarios para colaborar nos labores de acollida e información aos peregrinos. Estes voluntarios desenvolveron o seu traballo no Albergue de peregrinos e no Centro de Interpretación.

 

-          A celebración de diversas actividades de carácter social e cultural vinculadas á programación do Ano Xacobeo: concertos de Dulce Ponte e Cristina Pato, actividades do programa "Portos Xacobeos", exposición "Iacobus Gallecia", etc. contribuíron á dinamización da cidade.

 

-          E finalmente a colaboración coas necesidades das diversas peregrinacións que reclamaron o apoio municipal: a de Cámaras e Concellos de Galicia e Norte de Portugal, das dioceses de Andalucía e Cataluña, de grupos de Canarias, como o de Arucas, de Portugal, como o de Maia, etc.

 

Se o Camiño de Santiago é un elemento integrante da nosa historia e o noso patrimonio logo deste Ano Santo resulta evidente que estamos diante dun fenómeno vivo e con vitalidade. Para Tui é un valor engadido fundamental, tanto pola difusión que conleva da cidade por todo o mundo, como polos rendementos económicos que xera ao seu arredor (velaí o caso do albergue privado que abriu neste ano, os menús e almorzos para peregrinos que proliferaron nos restaurantes tudenses, os numerosos peregrinos que se aloxaron nos hostais e hoteis tudenses...).

 

Aínda que o vindeiro Ano Santo será no 2021 o Concello de Tui quere seguir apostando neste ano polo fenómeno das peregrinacións como un elemento transcendente da oferta patrimonial e turística da cidade. En consecuencia, este Concello aposta por manter e impulsar equipamentos como o Centro de Interpretación do Camiño Portugués, por seguir coidando a propia ruta, por promover unha meirande difusión a través das redes sociais ou outros medios de comunicación, etc. no convencemento de que a revitalización e coidado da peregrinación é un xeito de impulsar e coidar o noso conxunto patrimonial.