Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Concello de Tui estará representado no Consello Autonómico de Infancia e Adolescencia

18/04/2023

Dentro do programa parTUIcipando púxose en marcha o grupo de participación infantil e xuvenil de Tui que elixiu a Adela para formar parte do grupo autonómico

Adela foi a nena escollida polo grupo de participación infantil e xuvenil de Tui para representar ao municipio no Consello Autonómico de Infancia e Adolescencia. O grupo de participación infantil e xuvenil de Tui é unha iniciativa que se enmarca dentro do programa “parTUIcipando”, que se puxo en marcha coa intención de ir dando pasos cara a obtención do selo “Cidade Amiga da Infancia”.

O Consello Autonómico de Infancia e Adolescencia constituirase este venres, 21 de abril, ás 11 h en Santiago. A esta reunión non poderá acudir Adela porque estará nunha competición de karate en Cuenca, polo que será substituída por Ana, outra das integrantes do grupo local.

O Consello Autonómico de Infancia e Adolescencia, formado por 30 nenas e nenos de toda a Galicia, é froito das peticións que se viñan facendo nos últimos anos por parte de UNICEF e en colaboración coas distintas Cidades Amigas da Infancia que existen en Galicia, para contar cun grupo oficial de participación infantil e xuvenil onde representantes da infancia e adolescencia de toda a Galicia poidan disfrutar dunha cidadanía activa, onde a súa voz conte nas decisións que se tomarán no goberno autonómico.