Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Concello de Tui entrega as becas a deportistas tudenses pola súa participación en competicións internacionais neste 2025

19/12/2025

A partida orzamentaria foi incrementada até os 15.000€ este ano

O Concello de Tui, a través da Concellería de Deportes, fixo entrega das becas deportivas ás e aos deportistas tudenses que representaron á cidade en competicións internacionais ao longo do ano 2025.

En total, nove deportistas resultaron beneficiarios destas axudas municipais, que teñen como obxectivo recoñecer o esforzo, a dedicación e o alto nivel competitivo de quen leva o nome de Tui máis alá das nosas fronteiras. Os importes concedidos oscilaron entre os 700 e 1.800 euros, en función dos criterios establecidos nas bases da convocatoria, como o nivel da competición e os méritos deportivos acadados.

Os deportistas que recibiron estas becas foron: Iván Alonso Lage (8º posto no Campionato do Mundo de Maratón en Györ-Hungría), Vera Álvarez González (9º posto na Copa da Xuventude en Linz-Austria), Lara Feijóo Pérez (3º posto en barco dragón nos Xogos Mundiais en China), Tania Fernández García (1º posto no Campionato do Mundo de Maratón en Györ-Hungría), Manuel Garrido Barbosa (2º posto no Campionato do Mundo de Maratón en Györ-Hungría), Jesús González Álvarez (7º posto no Campionato do Mundo de remoergómetro), Carlota González Gil (7º posto no Campionato de Europa de Remo de Mar en Antalya-Turquía), Matías Valentín Otero Ezcurra (9º posto no Campionato do Mundo Sprint en Milán-Italia) e Nuria Romero Gómez (6º posto no Campionato do Mundo de Descenso de Augas Bravas en Ceske Budejovice-República Checa).

Dende a Concellería de Deportes destácase a importancia deste programa de becas como unha ferramenta de apoio ao deporte de alto nivel, facilitando que as e os deportistas poidan afrontar os gastos derivados dos adestramentos, desprazamentos e da participación en probas internacionais.

O Concello de Tui co aumento da partida orzamentaria a 15.000€, reafirma o seu compromiso coa promoción do deporte e co apoio ao talento deportivo local, poñendo en valor o traballo das e dos deportistas tudenses que contribúen a proxectar a imaxe do municipio no ámbito internacional.