Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Concello de Tui en colaboración coa Fundación Cibervoluntarios oferta cursos gratuítos en liña sobre novas tecnoloxías

11/05/2021

Terán lugar o próximo mes de xuño ao abeiro dos proxecto proxectos Extraordinarias e IniciaTic

O Concello de Tui en colaboración coa Fundación Cibervoluntarios organiza cursos gratuítos de formación en liña sobre novas tecnoloxías ao abeiro de dous proxectos Extraordinarias e IniciaTic.

Dentro de Extraordinarias organizan tres obradoiros gratuítos dirixidos a mulleres, cunha duración de hora e media cada un. Celebraranse os días 1 ou 3 de xuño, en función da preferencia das persoas interesadas.

O primeiro dos obradoiros de nivel básico vai dirixido a mulleres que non empregan as redes sociais nin ferramentas dixitais no seu día a día.  O nivel intermedio vai destinado a mulleres que empregan algunhas redes e ferramentas, pero non se manexan demasiado ben nas mesmas. E por último o nivel avanzado vai dirixido a aquelas mulleres que xa empregan as redes sociais e ferramentas dixitais nos seus negocios e se poderán beneficiar de contidos máis avanzados.  Cada muller poderá escoller un máximo de dous niveis ou o básico e intermedio, ou o intermedio e avanzado. Os horarios serán de 15 a 16.30 h ou de 19 a 20.30 h.

A inscrición está aberta até o luns 24 de maio en cfo@tui.gal indicando o nome completo e apelidos, teléfono de contacto e data e horario preferente.

Por outra parte no proxecto IniciaTic desenvolvido entre a Fundación Cibervoluntarios e o Ministerio de Traballo e Economía Social, ofertan seis módulos formativos en liña tamén gratuítos a impartir no mes de xuño.

O xoves 10 de xuño será “Comercio electrónico”, o martes 15 “Administración electrónica”, o xoves 17 “Ferramentas de comunicación e xestión”, o martes 22 “Marketing Dixital”, o xoves 24 “Ciberseguridade” e o martes 29 “Big Data”.  Impartiranse de 15 a 16.30 h ou de 19 a 20.30 h en función da preferencia das persoas inscritas. Ao remate non expedirán certificado de asistencia.

A inscrición debe realizarse até o 28 de maio enviando un correo a cfo@tui.gal  co nome, apelidos e teléfono de contado, e indicando o horario preferente.

Pódese ampliar esta información no teléfono 986 60 39 49.