O Concello de Tui e a RAG lembran a Manuel Lago González e o seu compromiso coa lingua e cultura galegas
Homenaxe esta tarde a Manuel Lago González, no espazo sociocultural da rúa Camilo José Cela, coorganizado pola Real Academia Galega e o Concello de Tui. Este evento abre o programa conmemorativo do centenario do pasamento de Lago González.
No mesmo interviron o alcalde, Enrique Cabaleiro, o presidente da RAG, Víctor Freixanes, e o académico Andrés Torres Queiruga. Os profesores do Conservatorio Profesional de Música de Tui Eduardo Rodríguez Sobrino e Rubén López López interpretaron na gaita e ao piano composicións para poemas do homenaxeado. A profesora Teresa Domínguez recitou as obras de Lago González.
“Para a Real Academia Galega é unha honra estar hoxe en Tui recordando a quen foi exemplo de sensibilidade arredor da lingua e da cultura galegas” salientou Víctor F. Freixanes.
O alcalde, Enrique Cabaleiro, destacou tamén a defensa da lingua e da cultura galegas que realizou Manuel Lago González, sinalando que foi parte das “relevantes personalidades que ao longo dos séculos prestixiaron o nome de Tui” e que deixaron unha “ampla herdanza”.
En palabras de Torres Queiruga a poesía de Manuel Lago era “populista con certo aire tardorromántico “pero sinceramente humana e plenamente identificada coa patria”.
Manuel Lago participou en Tui na organización dos Xogos Florais de 1891, os primeiros da historia que se desenvolveron integramente en galego. En 1906 foi un dos membros fundadores da RAG. En 1909 foi nomeado bispo de El Burgo de Osma, diocese que dirixiu entre 1910 e 1917, ano no que regresou a Tui como bispo. En 1923 foi elixido arcebispo de Santiago de Compostela, sendo o primeiro galego en cento vinte e cinco anos.
O programa de actos conmemorativo do centenario de Lago González continuará a próxima semana.