Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Concello de Tui e o Voluntariado da Caridade de San Vicente de Paúl impulsan o “Banco de Nais e bebés”

18/09/2015

Os interesados en doar produtos para o coidado de bebés, poderán acudir os martes de 18.30h a 20.30h ó Convento das Milagrosas

Venres, 18 de setembro de 2015. O Concello de Tui a través dos Servizos Sociais e en colaboración co Voluntariado da Caridade de Tui pon en marcha un novo servizo de apoio ás familias. Trátase do "Banco de Nais e Bebés, onde se recollerán cadeiras, roupa, accesorios, berces, coches, e cadeiras de seguridade para os automóbiles, para máis tarde facelas chegar a familias con necesidades do Concello.

O Voluntariado da Caridade recollerá as doazóns dos veciños de Tui, dúas veces á semana, os martes e os xoves entre as 18.30h e as 20.30h da tarde no seu local, situado no convento das Milagrosas, na Praza de San Fernando de Tui, para mais tarde repartilas entre familias que o precisen. Este labor levarase a cabo en colaboración dos Servizos Sociais do Concello de Tui, que son coñecedores da necesidades existentes no municipio, e que dirixirán cara este novo servizo ás familias que o precisen.

Cabe salientar que todas aquelas persoas que decidan entregar roupa ou accesorios, deben ter en conta que a roupa debe estar limpa e en perfecto estado para o seu uso, e os coches, cadeiras de bebé, berces ou calquera outro elemento, deben estar tamén limpos, en perfecto estado de funcionamento e con todos os accesorios precisos para a súa utilización.

O concelleiro encargado de Servizos Sociais, Laureano Alonso, mostrouse satisfeito por esta iniciativa e confía que este novo servizo poida axudar a moitos pais que por circunstancias, teñan problemas económicos. O concelleiro coida que este servizo posto en marcha agora entre o Voluntariado da Caridade e o Concello de Tui, cubre unha carencia importante para as familias sen recursos e que teñen fillos pequenos, xa que é ben coñecido por todos o elevado custe da crianza dos cativos, o gasto en roupa e a necesidade de berces, coches, cadeiras e outros elementos necesarios, tanto para a casa, a rúa coma para o automóbil.