O Concello de Tui celebrará dous campamentos e realizará accións de formación e sensibilización ao abeiro do Plan Corresponsables
Dous campamentos de verán xunto a accións de sensibilización e formación en materia de corresponsabilidade conforman a programación Igual É Máis que o Concello de Tui vai desenvolver nos próximos meses. Hoxe mesmo recibiu a comunicación da concesión por parte da Consellería de Política Social e Igualdade dunha subvención de 49.500 mil euros ao abeiro do Plan Corresponsables. A resolución ven hoxe publicada no DOG. O Concello de Tui aportará 5.500 € de fondos propios para estas actividades.
Campamento Tecnolóxico
O Campamento Tecnolóxico vaise celebrar do 6 ao 31 de xullo, en catro quendas dunha semana cada unha, en horario de 9 a 13 h. Vai dirixido a nenos e nenas con idades entre os 7 e os 14 anos. No mesmo traballarán habilidades dixitais e tecnolóxicas fundamentais para o seu futuro como programación de videoxogos e apps, deseño e impresión 3D, electrónica dixital, intelixencia artificial, animación, ciberseguridade, música dixital, prototipado rápido e Design Thinking. O “Campamento Tecnolóxico 2026” incorpora nas actividades a realizar a perspectiva de xénero para fomentar a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, nos nenos e nenas participantes, para tentar acadar unha igualdade real e efectiva na sociedade do futuro.
Establécese un máximo de quince prazas por quenda. Os nenos e nenas participarán deberán estar empadroados no Concello de Tui, ou no caso de non estar empadroados que o seu pai, nai, titor ou titora traballe ou posúa un negocio en Tui.
A solicitude, no modelo dispoñible en tui.gal, xunto coa documentación requirida, debe presentarse dende mañá venres, 19 de xuño, até o próximo 23 no rexistro xeral da Casa do Concello de 9 a 14 h ou a través da sede electrónica. O prezo por cada quenda dunha semana é de 15,28€. As bases completas pode consultar en tui.gal ou na sede electrónica do Concello de Tui.
Campamento Tecnolóxico 2026 - Bases
Campamento Tecnolóxico 2026 - Documentación a presentar
Campamento Tecnolóxico 2026 - Solicitude inscrición
Campamento en colaboración con Un Máis
Por outra parte durante no mes de agosto realizarase tamén un campamento en colaboración coa Asociación Un Máis. En breve publicaranse as bases de participación e todos os detalles desta actividade.
Accións formativas e de sensibilización
Amais no inicio do curso escolar 2026/27 desenvolveranse obradoiros para o impulso de modelos de masculinidades igualitarias e corresponsables dirixidos ao alumnado de Primaria, Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato e Formación Profesional, co obxectivo de fomentar valores de igualdade, convivencia e prevención das violencias machistas.
Mentres para a poboación en xeral realizaranse campañas de sensibilización en materia de corresponsabilidade, masculinidades igualitarias, coidados e usos do tempo para promover a corresponsabilidade nos coidados.





