Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Concello de Tui celebra esta fin de semana as Xornadas Europeas de Patrimonio, conmemorando o XL aniversario da súa declaración como conxunto histórico

24/09/2007

O CONCELLO DE TUI CELEBRA AS “XORNADAS EUROPEAS DE PATRIMONIO” CON VISITAS GUIADAS A DIVERSOS ENCLAVES DO INTERESE HISTÓRICO

Conmemórase así o XL aniversario da declaración da cidade como “conxunto histórico” 

A Concellería de Cultura do Concello de Tui ten organizada para a vindeira fin de semana diversas actividades para conmemorar o XL aniversario da declaración da nosa cidade como “conxunto histórico-artístico” (hoxe denominado Ben de Interese Cultural coa categoría de conxunto histórico). Co gallo deste aniversario o Concello tudense súmase á celebración das “Xornadas Europeas de Patrimonio” que nos meses de setembro e outubro congregan actividades en torno ao patrimonio cultural en 49 paises de Europa.As Xornadas Europeas de Patrimonio son unha acción conxunta do Consello de Europa e da Comisión Europea. Celébranse anualmente nos 49 estados asinantes do Convenio Cultural Europeo nos meses de inicio do outono. Dende hai 15 anos estas Xornadas ofrecen a posibilidade de celebrar a unidade e a diversidade dun patrimonio cultural común favorecendo a súa salvaguarda e posta en valor.Neste ano a temática das Xornadas están centradas no tema “Arquiectura defensiva e poboamento”. A defensa do territorio é unha constante preocupación na historia da humanidade, así foron construidos castelos, fortalezas, murallas… xeralmente situados en lugares estratéxicos e de control e para defender os asentamentos humanos. Na nosa cidade conservamos varios tramos do sistema amurallado de época medieval e moderna, integrados no noso conxunto histórico, mesmo a propia Catedral, que centraliza a nosa cidade, salienta polo seu carácter fortificado. Estamos afeitos a convivir con estas murallas defensivas, pero en moitos casos non as coñecemos en profundidade e consecuentemente non as valoramos e integramos no noso acervo cultural. Cando cúmprense coarenta anos da declaración de Tui como conxunto histórico é unha magnifica oportunidade para sumarse dende  a nosa cidade a celebración anual destas Xornadas Europeas de Patrimonio para valorar as testemuñas materias do noso pasado e promover a sua conservación. En concreto, a declaración de Tui como “conxunto histórico-artístico” foi aprobada polo Consello de Ministros de 19 de agosto de 1967, publicándose o acordo no Boletín Oficial do Estado de 13 de setembro do mesmo ano.

En consecuencia, a Concellería de Cultura artellou unha serie de visitas guiadas a varios lugares de interese patrimonial, en concreto o programa é o seguinte:

Sábado 29 de setembro:

12,00 h.: Visita á muralla de época moderna guiada polo arquitecto Jaime Garrido Rodríguez (inicio na Glorieta de Vigo)18,00 h.: Visita guiada ao Claustro e paseo de ronda da Catedral, guiada por José Ramón Fernández Fernández (inicio na Porta de acceso ao Claustro – Praza de San Fernando) 

Domingo 30 de setembro:

12,00 h.: Visita ao sistema amurallado de época medieval guiada por Ernesto Iglesias Almeida, cronista oficial da cidade de Tui (inicio monumento ao Bispo Lago, na rúa Ordoñez)17,30 h.: Visita guiada á Igrexa de San Bartolomeu de Rebordáns, guiada por Avelino Bouzón Gallego, director do Arquivo da Catedral e párroco de Rebordáns. 

O concelleiro de cultura tudense, Moisés Rodríguez Pérez, salienta que esta iniciativa do Concello de Tui de celebrar as Xornadas Europeas de Patrimonio é pioneira na nosa Comunidade Autónoma ao ser o primeiro Concello que promove a celebración destas Xornadas sumándose a esta iniciativa europea. Esta actividade amosa o interese do Concello de Tui pola posta en valor do conxunto patrimonial tudense que queda patente noutras actuacións realizadas últimamente: sinalización do conxunto histórico, obras de accesiblidade do casco vello, etc.