Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Concello de Tui cede a AFAGA un local na planta baixa da Antiga Escola de Chans

15/05/2015

O Concello de Tui fixo entrega este mediodía das chaves dun local na planta baixa da antiga Escola de Chans en Randufe, para a AFAGA, Asociación de Familiares do Alzheimer de Galicia. Nela a asociación levará a cabo unha serie de accións que redundan na mellora da calidade de vida dos enfermos e as súas familias.

A AFAGA poderá facer uso da planta baixa, de 110 metros cadrados de superficie útil, mentres este espazo se atope sen uso.

No acto de entrega das chaves estiveron presentes o alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, a concelleira de Servizos Sociais, Olga Montes, e o presidente de AFAGA, Juan Carlos Rodríguez.

O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, apuntou que hoxe é un día especial porque se materializa un feito no que levaban tempo traballando. Sinalou que o edificio, que foi escola, se converterá nun fogar tanto para enfermos de Alzheimer como para as súas familias. Finalmente felicitou a AFAGA xa que os seus profesionais prestan un labor moi importante e ao equipo de Servizos Sociais do Concello.

A concelleira de Servizos Sociais, Olga Montes, explicou que Tui dende o ano 2012 é cidade de axuda solidaria co Alzheimer. Relatou que actualmente o colectivo traballa na Área Panorámica, pero o local queda pequeno para acoller aos enfermos e ás súas familias polo que a planta baixa da Antiga Escola de Chans é o sitio máis axeitado para continuar con esta actividade.

Para rematar o presidente de AFAGA, Juan Carlos Rodríguez, agradeceu o traballo do Concello de Tui, xa que levan máis de dous anos con programas de estimulación na Área Panorámica. Destacou que a planta baixa da Antiga Escola de Chans reúne as condicións óptimas para a realización de talleres, o que supón un paso máis para a atención destes enfermos.