Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Concello de Tui avanza na recuperación do baluarte Ángulo dos Demos co aval de Patrimonio

28/04/2026

Do investimento previsto de 230 mil euros o 75% finánciase con fondos europeos a través do proxecto FARPAX, e o 25% con fondos propios

O Concello de Tui avanza na recuperación do Baluarte do Ángulo dos Demos co obxectivo de rehabilitar e pór en valor este elemento destacado do sistema defensivo tudense. O Concello de Tui vén de recibir o informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural a este proxecto de recuperación deste tramo da muralla a carón do Paseo Fluvial.

Esta actuación suporá un investimento de 230 mil euros financiados nun 75% con  fondos europeos a través do proxecto  FARPAX  "Fortalezas Amuralladas da Raia", e o 25% con fondos propios. O goberno municipal, logrou a captación destes recursos externos para impulsar a recuperación do patrimonio histórico tudense.

O baluarte Ángulo dos Demos, situado no paseo fluvial do río Miño está datado no século XVII, constitúe unha peza clave para comprender a evolución histórica de Tui como cidade fronteiriza, formando parte esencial do seu sistema defensivo. Do mesmo consérvanse íntegros os arrinques dende a falsa braga e os primeiros sillares da base, así coma máis da metade dos lenzos, o que permite coñecer a súa xeometría orixinal.

A primeira mención documental a este baluarte data do ano 1733, no plano elaborado polo enxeñeiro Juan de Laferriere, onde figura co nome de “Ángulo del Diablo”. Posteriormente en 1788 o tudense Pedro Santos refírese a el coa denominación “dos Demos” ao describir a ruína parcial do baluarte e da súa garita no seu diario persoal.

O proxecto a executar polo Concello de Tui abordará por unha banda a consolidación e estabilización do baluarte, así como a reconstrución parcial da súa estrutura, empregando materiais compatibles coa fábrica orixinal e técnicas respectuosas cos seus valores patrimoniais. Na actuación eliminaranse elementos estraños con risco de caída coma muretes de ladrillo e pedra da coroación do lenzo.

O proxecto contempla unha intervención arqueolóxica dividida en dúas fases: unha primeira de sondaxes para afondar no coñecemento do estado e características do baluarte, tras a que a Dirección Xeral de Patrimonio informará sobre a viabilidade arqueolóxica das obras, e a segunda de control e seguimento dos traballos a executar.

A autorización outorgada pola Xunta de Galicia establece condicións técnicas orientadas a garantir o máximo respecto polos valores históricos do conxunto, como o uso de materiais compatibles, a diferenciación entre elementos novos e orixinais ou a documentación integral do proceso.

Tras lograr o financiamento preciso e obter o informe favorable de Patrimonio o Concello de Tui procederá agora á licitación das obras. A recuperación deste baluarte dará resposta a unha demanda histórica.

Este avance no proceso para recuperar este elemento do patrimonio histórico tudense coincide coa inclusión do Baluarte Ángulo dos Demos no II Catálogo de actuacións no Patrimonio da obra pública, do Colegio de Ingenieros de Caminos, Canales y Puertos, presentado neste mes de abril no  II Congreso Internacional de Patrimonio de la Obra Pública y la Ingeniería Civil, que recolle 102 obras en toda España. No mesmo sinálase a recuperación como unha actuación prioritaria polo seu valor histórico e polo seu estado de conservación, reforzando así a liña de traballo impulsada polo Concello.

Dende o goberno municipal destácase que este proxecto supón “un paso firme na recuperación das murallas e na posta en valor do noso patrimonio, combinando planificación, captación de financiamento e rigor técnico”.

A intervención permitirá reforzar o atractivo cultural e turístico da cidade.