O Concello de Tui apela á cidadanía no respecto do patrimonio artístico e monumental
O goberno municipal avanza a súa firme determinación para perseguir as condutas que atentan contra monumentos e edificios
O goberno municipal apela á conciencia cidadá na protección e respecto do patrimonio. Faino logo da recente aparición de novas pintadas nos muros da igrexa de San Domingos, edificio declarado Ben de Interese Cultural (BIC). Estes actos, mostra de falta de civismo dos seus autores, constitúen unha infracción castigada con penas de prisión e multa no Código Penal, ao tratarse de condutas que causan danos en edificios e bens de valor histórico, artístico, cultural ou monumental. É por este motivo que dende o Concello se fai un chamamento á cidadanía sobre o respecto ao noso patrimonio cultural e artístico. Ao tempo o goberno municipal anuncia a súa firme determinación de perseguir estas condutas. Por iso a Policía Local, no desempeño das súas funcións, redactará os correspondentes informes por estes atentados ao noso patrimonio histórico con identificación dos presuntos responsables para que polos Tribunais se decidan as responsabilidades penais e civís correspondentes.