Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Concello de Tui amosa o seu total compromiso á defensa de oportunidades entre homes e mulleres

7/03/2016


Faino nunha declaración institucional co gallo do Día Internacional da Muller


 


O Concello  de Tui vén de emitir unha declaración institucional na que amosa o seu “total compromiso e apoio nas súas políticas á defensa da igualdade de oportunidades entre homes e mulleres”, facendo fincapé na “aplicación de estratexias sociais e prácticas institucionais que melloren a vida das mulleres, e dean visibilidade aos seus problemas”. Faino co gallo do Día Internacional da Muller que se celebra mañá martes, 8 de marzo.


A declaración institucional abonda en que 8 de marzo representa “un ideal de xustiza e igualdade sen o que non é posible pensar nunha sociedade moderna e xusta”.


O Concello de Tui considera que a celebración do Día Internacional da Muller supón unha oportunidade para amosar o “compromiso irrenunciable na defensa dos dereitos da muller” ao tempo que manifesta a súa “implicación na resolución dos graves problemas que soportan aínda moitas mulleres” coma a violencia de xénero, unha loita na que o Concello de Tui leva moito tempo involucrado e comprometido.  Amosa amais o Concello de Tui o seu compromiso en garantir a “igualdade entre homes e mulleres na totalidade dos espazos da política local” e na integración da muller en todos os aspectos da vida pública.


Alude tamén a declaración institucional ao programa de Nacións Unidas “Por un planeta 50-50 no 2030: deamos o paso para a igualdade de xénero  para acadar un mundo no que nenas e mulleres teñan as mesmas oportunidade e dereitos. O Concello de Tui lémbrase amais de todas as mulleres que “enarboraron con valentía a bandeira dos seus dereitos civís e políticos”.