Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Concello de Tui adquire novo material para cursos de RCP e manexo dos desfibriladores

17/09/2024

Protección Civil de Tui e Policía Local, xunto co médico tudense Rosendo Bugarín, impartirán obradoiros básicos en colexios e instalacións deportivas

O Concello de Tui vén de adquirir novo material, un manequín pediátrico e un chaleco de adestramento da manobra de Heimlich, que xunto ao manequín adulto e o simulador de desfibrilador (DESA) xa dispoñible dende antes da pandemia, servirán para a realización de novos obradoiros básicos de reanimación cardiopulmonar e manexo dos DESA.

Así, os voluntarios de Protección Civil de Tui, xunto ao persoal da Policía Local de Tui e o médico tudense, Rosendo Bugarín, retomarán estas formacións para asociacións deportivas tudenses e a comunidade educativa de Tui.

O Concello de Tui dispón de 10 desfibriladores, dous nos coches de Protección Civil de Tui, unha unidade na Policía Local, e sete en instalacións deportivas municipais, Pavillóns Gustavo Rodríguez e A Macoca, Campos Municipais de Fútbol “Álvarez Durán” de Tui, O Foxo de Caldelas, A Gándara de Guillarei e Santa Comba de Ribadelouro, e no Centro Interfederado de Tui.

O obxectivo de ter un concello cardioprotexido é prioritario para o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, resaltando o traballo desinteresado tanto de Rosendo Bugarín, como dos voluntarios de Protección Civil e Policía Local, en pro da formación tanto no uso dos DESA, como na realización do RCP.