O Concello de Tui abre o prazo de inscrición para o Mercado de Nadal
Celebrarase do 4 de decembro ao 5 de xaneiro. As solicitudes poden presentarse até o xoves 12 de novembro
Unha das actividades icónicas do Nadal en Tui durante os últimos anos regresará cunha nova edición do 4 de decembro ao 5 de xaneiro. Será o Mercado de Nadal que se celebrará na praza da Inmaculada e nas súas inmediacións recreando novamente os tradicionais mercados de Nadal europeos brindando un ambiente acolledor, festivo e atractivo durante un mes coa participación de vinte postos por cada quenda.
O Concello de Tui, organizador do evento, vén de abrir o prazo de solicitude de participación nesta actividade dirixida a persoas artesás, comerciantes, e entidades sen ánimo de lucro. Haberá tres quendas que serán do 4 ao 13 de decembro, do 14 ao 24 de decembro e do 26 de decembro ao 5 de xaneiro. Terán prioridade as solicitudes de exposición e venda de produtos específicos de Nadal con alimentación, gastronomía, artesanía, decoración de Nadal e agasallos, e os produtos artesáns ou producidos a pequena escala.
Poderanse comercializar produtos relacionados coa decoración e a temática do Nadal, adornos e iluminación decorativa, agasallos orixinais, artigos de artesanía, produtos creativos e de elaboración propia, xoguetes, libros, doces e especialidades de repostería tradicionais destas festas, así como outros produtos de carácter estacional que contribúan á ambientación e á identidade do mercado. Tamén se prevé a presenza de propostas de alimentación e gastronomía, incluíndo produtos típicos destas datas, así como servizos de restauración e furgóns gastronómicos, destinados ao consumo no propio recinto, nas mesas habilitadas para tal fin.
As persoas interesadas en participar no Mercado de Nadal 2026/27 deberán cubrir o formulario dispoñible en liña en tui.gal antes das 23 h do xoves 12 de novembro, e deberán enviar tres fotografías do produto a mercadonadaltui@gmail.com. Unha vez pechado o prazo de inscrición comunicarase ás persoas seleccionadas a súa participación e deberán depositar unha fianza de 150€ que recuperarán integramente ao remate do Mercado de cumprirse as condicións establecidas nas bases de participación dispoñibles en tui.gal.
O Mercado de Nadal abrirá do 4 de decembro ao 5 de xaneiro de luns a venres de 17 a 21 h; o sábados, vésperas de festivo, e festivos de 12 a 14 h e de 17 a 21h, e os domingos de 11 a 14 h e de 17 a 21h. Tanto o 24 coma o 31 de decembro abrirá so de 11 a 14 h e o 5 de xaneiro de 11 a 18 h.
Amais do Mercado de Nadal o Concello de Tui levará a cabo unha programación de propostas lúdicas e elementos decorativos que contribuirán a crear unha atmosfera propia destas celebracións. Así instalarase un carrusel de Nadal, un tren turístico unirá os núcleos de Tui e Valença, haberá decoración especial nas rúas, a árbore dos desexos e outras actividades de animación dirixidas a todos os públicos.
O Concello de Tui, con estas iniciativas busca impulsar o comercio local, atraer visitantes, dinamizar a economía local, facendo do Mercado de Nadal un punto de encontro para compartir, descubrir e gozar destas datas.





