Pronóstico de Tutiempo.net
Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Concello congratúlase pola aprobación pola Xunta de Galicia do convenio da Eurocidade

13/01/2012

O CONCELLO DE TUI CONGRATÚLASE POLA APROBACIÓN POLA XUNTA DE GALICIA DO CONVENIO DA EUROCIDADE

O alcalde tudense, Moisés Rodríguez Pérez, amosou a satisfacción do Concello de Tui polo acordo adoptado no día de onte polo Consello da Xunta de Galicia polo autoriza a sinatura do convenio para a creación da Eurocidade Tui – Valença. O goberno tudense impulsor desta iniciativa de cooperación xunto á Cámara Municipal de Valença comproba como este apoio decidido da Xunta de Galicia posibilita que esta vella aspiración das poboacións tudense e valenciana poida plasmarse oficialmente.

A sinatura nos vindeiros días deste protocolo de cooperación posibilitará un afondamento na colaboración xa intensa que manteñen ambas administracións locais en diversos ámbitos da súa acción de goberno. A celebración conxunta, ao longo do pasado ano, do 125 aniversario da inauguración da ponte internacional significou un elemento catalizador deste traballo conxunto que ten abranguido outros ámbitos e intervencións. Cabe lembrar o recente plantación do bosque da eurocidade, nos últimos días de novembro, ou a celebración hai agora unha semana da cabalgata de reis desta eurocidade. Traballar nesta liña posibilitará acceder a programa europeos para financiar os proxectos que se elaboren dende esta eurocidade Tui – Valença.

Moisés Rodríguez Pérez sinala a súa confianza neste proxecto común de colaboración que supón esta eurocidade. Neste tempos de crise é unha oportunidade excepcional para intensificar esta unión compartindo servizos públicos garantindo así unha mellor calidade de vida para os nosos cidadáns. A inmediata sinatura deste convenio abre unha nova etapa nas intensas relacións existentes entre Tui e Valença. Non se trata de perder ou renunciar a propia identidade senón continuar enriquecéndonos mutuamente como ten sucedido ata agora ao longo dos tempos.

Valença e Tui, continúa explicando o alcalde, xa veñen colaborando en múltiples aspectos e iniciativas como, por exemplo, o seu traballo conxunto para evitar o peche da liña férrea que comunica Porto e Vigo e a súa reclamación dunha modernización da mesma que contribúa a cohesión destas dúas cidades irmás e mesmamente da eurorrexión Galicia – Norte de Portugal.

Moisés Rodríguez conclúe que esta cooperación con Valença é unha medida de caracter estratéxico para a nosa cidade pois o seu progreso está ligado, entre outras medidas, a potenciación dos seus valores e capacidades como enclave transfronteirizo.