Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Club Xadrez Tui inicia as súa actividade con cen socios e escola municipal deste deporte

1/09/2011

Terá a súa sede no novo pavillón de deporte. A súa web é www.xadreztui.org

A promoción do xadrez entre a poboación tudense é un dos obxectivos con que parte o Club Xadrez Tui, de nova creación, que foi presentado este mediodía na Casa do Concello de Tui.  O acto contou coa presenza do alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, o concelleiro de Deportes, Nicolás Lorenzo, así coma do presidente e tesoureiro do club, Luís Fernández e Emilio Pazo xunto a Roberto Páramos, promotor de Xadrez Galego.

O Club Xadrez Tui marca entre os seus obxectivos a creación dunha Escola Municipal deste deporte, que terá a súa sede no novo pavillón municipal tudense. Entre as actividades que van desenvolver figuran as partidas simultáneas os domingos de 11 a 13h no Paseo da Corredoira, que comezaron xa na fin de semana pasada, e que se van manter mentres o tempo o permita. Amais co gallo das festas de San Telmo organizarán un Torneo de Xadrez.  Buscan tamén formar equipos para competir tanto na liga galega coma a nivel nacional, segundo explicaba o seu presidente Luís Fernández.

O tesoureiro do Club Xadrez Tui, Emilio Pazo, destacou que este é “un proxecto ilusionante” promovido por un grupo de xente que leva moitos anos practicando este deporte, e máis de dez anos en competición federada.  Co club, explicaba que, buscan dar unha nova dimensión a un proxecto que inclúe unha escola e animar á xente a interesarse por este deporte.

Roberto Páramos, promotor de Xadrez Galego, falou dos beneficios demostrados do xadrez xa que mellora a concentración e a memoria e “axuda a crecer coma persoa”. Sinalou amais que “Tui conta con máis de cen persoas que xogan ao xadrez polo que a Escola é xa unha das máis importantes de Galicia”. Fixo referencia asemade ao alto nivel de xogadores que hai na cidade coma Paco Carrera, campión Galego, e David Ocampo que vén de participar no campionato de España de xuvenís Adiantou tamén que o actual campión de España, que reside en Ponteareas, amosou a súa disposición para participar nas actividades que se organicen en Tui.

O concelleiro de Deportes, Nicolás Lorenzo Montes, explicaba que “o de hoxe é un día importante pola presentación de novos clubs que nacen no Concello”, por este motivo felicitou aos organizadores por esta iniciativa.  Cualificou a idea de “fabulosa”  pondo os medios ao seu alcance para que saíse adiante.

Por último o alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, amosouse encantado polo nacemento deste novo club, indicando que “hai que apostar polo deporte nunha cidade que xa é un referente cultural”. Engadía o mandatario municipal que os éxitos deste club serán os éxitos de Tui. Mencionaba por último que “é importante que teñamos campións, que teñamos xente que vaia representando a nosa cidade. Pero sobre todo si conseguimos mellorar a calidade de vida das persoas que viven en Tui para nós tamén é algo moi importante, sobre todo que se faga ao través de algo tan divertido coma unha partida de xadrez”, referíndose así aos beneficios que pode ter este deporte.

As clases do novo club impartiranse no novo pavillón deportivo tanto no nivel de iniciación coma de perfeccionamento. A inscrición ábrese a mediados de setembro.Toda a información desta nova entidade deportiva pódese consultar en www.xadreztui.org