Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O club de lectura feminista “Tempo de Mulleres” inicia unha nova temporada

10/10/2025

Será o próximo luns coincidindo coa celebración do Día das Escritoras

O próximo luns, 13 de outubro, o club de lectura feminista de Tui “Tempo de Mulleres” inicia unha nova temporada.  O único club de lectura feminista da contorna elixiu precisamente para retomar a actividade esta xornada na que se celebra o Día das Escritoras, que se celebra o luns máis próximo ao 15 de outubro, data do pasamento de Santa Teresa de Jesús. Esta efeméride busca recuperar o legado das escritoras ao longo da historia, tantas veces silenciado, e promover a súa incorporación plena á memoria cultural colectiva. O lema desta ano é “1975: Escribide, compañeiras!”, que se converte nun recoñecemento ás autoras que hai 50 anos abriron camiño nun contexto de transición política e social, reivindicando coa súa palabra a igualdade e a liberdade.

O Club de Lectura Feminista “Tempo de Mulleres”, promovido pola concellería de Igualdade coa colaboración da Asociación Berra, conta aínda con algunha praza vacante polo que as persoas interesadas poden inscribirse presencialmente na Biblioteca Municipal ou no correo biblioteca@tui.gal.

A concelleira de Igualdade, Ana Núñez, salienta que  espazos como este promovidos dende o seu departamento “son fundamentais para facer visible a voz das mulleres, crear pensamento crítico e avanzar nunha igualdade real. Que Tui conte co único club de lectura feminista da comarca é un motivo de orgullo e tamén unha responsabilidade que queremos seguir impulsando”.