Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Centro Municipal de Remo de Tui estrea as súas renovadas instalacións

7/05/2021

Supuxeron un investimento de 57.400 euros ao abeiro do Plan Concellos

O Centro Municipal de Remo de Tui conta coas súas instalacións renovadas tras as obras acometidas nos últimos meses que supuxeron un investimento de 57.477,85€, financiados con cargo ao Plan Concellos 2018/2019 da Deputación de Pontevedra. Foron executadas pola empresa CPA-Construciones y Proyectos Abilleira SL.

Este mediodía o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, os deputados provinciais, Santos Héctor e Gorka Gómez, o concelleiro de Deportes, Rafael Estévez, e o presidente do Club Remo do Miño, Manuel Ángel González, visitarán as obras realizadas nestas instalacións municipais.

Estas obras de “Mantemento e Conservación para a reparación de deficiencias no Centro Municipal de Remo” consistiron na limpeza e mantemento de canalones e carpinteiría, impermeabilizacións e pintado do interior das instalacións. Tamén se procedeu á instalación dun sistema de renovación do aire para evitar condensacións. Amais foi substituído o pavimento tanto do ximnasio coma da sala de ergómetros.

O alcalde, Enrique Cabaleiro, sinalaba na visita que se trata da terceira execución de obras no Centro Municipal de Remo dende o ano 2015 indicando que “as tres actuacións superan os 150.000 euros, financiadas todas integramente ao abeiro do Plan Concellos”. Salientaba o máis de medio millón de euros investido nas remodelacións do Novo e do Vello Pavillón de Deportes, así coma na substitución por tecnoloxía led da iluminación nos diferentes pavillóns do municipio e nos campos de fútbol de céspede artificial, entre outras actuacións.  

Xa con fondos propios, indicaba o rexedor, licitarase a obra do novo Centro de Piragüismo cun investimento de máis de 700.000 euros. Finalmente, Enrique Cabaleiro, felicitaba a xunta directiva do Club Remo do Miño “polo seu compromiso no traballo en prol deste deporte no noso concello”. 

O deputado provincial, Santos Héctor, destacaba a necesidade de acometer esta obra, que “dignifica o uso dos e das deportistas, un equipamento deportivo que mellora sen lugar a dúbidas a oferta de Tui”. Indicaba tamén que “para a Deputación o deporte é un eixo prioritario e apoiamos o remo con investimentos e coas becas DepoDan para deportistas de alto nivel”. Finalizaba sinalando que tres remeiros tudenses de alto nivel conta coa bolsa DepoDan da Deputación de Pontevedra.